Preguntas frecuentes - Bolsas Excelencia Mocidade Exterior 2020

  • 150 bolsas para cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2020/21 nunha universidade galega e dirixidas a galegos/as que estean residindo no estranxeiro.
  • Podes consultar toda a información descargando aquí as bases desta convocatoria publicadas no Diario Oficial de Galicia.

O prazo remata o día 29 de maio de 2020 ás 23:59 h (hora peninsular española).

As bolsas están dirixidas a galegos/as que residan no estranxeiro e teñan unha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico ou enxeñeiro/a técnico.

1) No momento de solicitar a bolsa debes cumprir necesariamente os seguintes requisitos:

  • Ter menos de 40 anos.
  • Ter a nacionalidade española. 
  • Residir fóra de España. 
  • Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude. 
  • Estar vinculado/a a Galicia dunha das seguintes maneiras :
    a) Ser emigrante nacido/a en Galicia
    b) Ser emigrante non nacido/a en Galicia, pero que residiras en Galicia de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar .
    c) Ser descendente por consanguinidade (fillo/a, neto/a, bisneto/a....) dun/ha emigrante nacido/a en Galicia ou dun/ha emigrante que residira en Galicia de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar, sempre que a persoa solicitante  da bolsa nacera no estranxeiro.
  • Ter rematada algunha titulación universitaria de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico ou outro expresamente declarado equivalente, que dea acceso a un máster universitario. 
  • No caso das persoas descendentes de galegos/as e nacidas no estranxeiro, estar vinculado/a a un concello galego no PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro). Este requisito poderase acreditar con posterioridade á data de presentación das solicitudes.

2) Requisito que debes cumprir con caracter previo á concesión da bolsa.

  • Estar matriculado/a no curso 2020/21 nun meáster universitario dos ofertados nesta convocatoria, dun mínimo de 60 créditos e na modalidade presencial ou semipresencial. 
  • As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior concédense para a realización de 80 másteres diferentes das áreas de: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas así como Enxeñería e Arquitectura. Podes consultar a listaxe completa descargando o listado de másteres.
  • Estes másteres realízanse nunha das universidades públicas de Galicia: Universidade da Coruña (campus de A Coruña e de Ferrol), Universidade de Santiago de Compostela (campus de Santiago e de Lugo) e Universidade de Vigo (campus de Vigo, Ourense e Pontevedra).

Esta convocatoria de bolsas ten dous procedementos paralelos que cada bolseiro/a debe realizar de xeito separado:

  1. Trámite de Solicitude da bolsa á Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.
  2. Trámite de Solicitude de admisión en algún máster dos ofertados nas universidades galegas.
  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://bolsasexcelencia.xunta.gal.
  • As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuren na aplicación informática e incorporar os documentos requiridos. Rematado este proceso, deberán confirmar e enviar a solicitude, que comporta a súa presentación, e procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Unha vez confirmada a solicitude, non poderán ser modificados ningún dos datos cubertos no formulario.
  • Ao mesmo tempo que realizas os trámites de solicitude da bolsa, debes realizar os trámites de preinscrición ou solicitude de praza e de matrícula nas universidades galegas correspondentes. 
  • O procedemento nas universidades realízase a través da secretaría virtual da universidade á que pertenza o máster. Estes son os pasos a seguir:
  1. Preinscrición ou solicitude de praza/admisión no máster ou másteres do teu interese.
  2. Publicación de listas de alumnos/as admitidos/as.
  3. Matrícula nun máster no que sexas admitido/a. 
  • Cada universidade establece diferentes prazos de admisión e debes estar en contacto directo con elas para informarte dos programas de máster da túa área de interese, así como dos prazos, requisitos e da documentación que debes achegar. 
  • Podes consultar os prazos e os enlaces ás webs das universidades descargando aquí en prazos universidades.

Non, no momento de realizar a solicitude da bolsa, simplemente terás que cubrir o nome  dun máster ou másteres dos ofertados na convocatoria,  nos que vas a solicitar a túa admisión.   

Con posterioridade, terás que matricularte na universidade nun só dos másteres ofertados nos que te admitira a universidade e deberás enviar o xustificante de matrícula a través da plataforma de Bolsas ata o día 6 de agosto de 2020 ás 23:59 h.

Si, non hai ningún problema en que solicites a túa admisión ou te matricules nun máster diferente ao que sinalaches na solicitude da bolsa. O único importante é que sexa algún dos másteres que ofertamos na convocatoria de bolsas.

As persoas solicitantes da bolsa deben enviar vía electrónica xunto coa solicitude a seguinte documentación (en formato PDF de xeito preferente):

  1. Pasaporte español /Documento Nacional de Identidade español (DNI).
  2. Documentación acreditativa da residencia actual fóra de España. 
    Este requisito pódese xustificar con calquera da seguinte documentación expedida no seu país de residencia: certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular correspondente á demarcación na que teña o seu domicilio, certificado da policía, certificado de empadroamento, constancia de residencia actual no seu concello ou localidade, acta notarial, nómina actual, etc. 
  3. Documentación xustificativa de ter residido fóra de España durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
    Este requisito  pódese acreditar con calquera da seguinte documentación: 
    - Certificado de inscrición de matrícula no Rexistro de Matrícula Consular (certificado que se pide no consulado de España do seu país de residencia e acredita a data desde que se está inscrito/a como residente no estranxeiro ata a actualidade).
    - Páxina do pasaporte español co selo do consulado que acredita a data desde a que se reside no exterior.
    - Contratos de traballo con prórrogas e nóminas.
    - Historia ou vida laboral (employment history).
    - Constancia de residencia nun domicilio no seu país de residencia.
    - Comprobante de pago de impostos no caso de persoas que residan no Reino Unido (council tax bill, certificate of UK fiscal residence).
  4. Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia, segundo o caso:
    a) Persoas nacidas en Galicia: pasaporte ou certificado de nacemento en Galicia.
    b) Persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do Padrón municipal do/s concello/s galego/s e documentación que acredite a data da emigración.
    c) Descendentes de persoas nacidas en Galicia: certificados de nacemento ou libro de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa emigrante nacida en Galicia (avó/avoa, pai/nai...)  ata o nacemento da persoa solicitante.
    d) Descendentes de persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar: histórico do Padrón municipal do/s concello/s galego/s da persoa que emigrou e residiu en Galicia, documentación que acredite a data da emigración e certificados de nacemento ou libro de familia que acrediten toda a liña de parentesco por consanguinidade, desde a persoa que emigrou e residiu en Galicia ata o nacemento da persoa solicitante.
  5. Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro, certificado de inscrición no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), ou no seu defecto, calquera outra documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego. (Noutra pregunta frecuente explícase como obtelo).
  6. Título universitario que dea acceso ao máster ou certificado que acredite que o título está en trámite.
  7. Certificado do expediente académico de finalización de estudos universitarios ou histórico escolar:
    a) No caso de titulacións españolas: certificado do expediente académico do título universitario realizado no cal conste a nota media na escala numérica de 0-10.
    b) No caso de titulacións obtidas no estranxeiro: certificado do expediente académico ou histórico escolar no que conste a nota mínima aprobatoria nesa titulación, o réxime ou escala de cualificacións, así como as materias cursadas na totalidade dos cursos coas cualificacións obtidas, especificando no seu caso o número de créditos de cada asignatura. 
  8. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro: Documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro aos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España (noutra pregunta frecuente explícase cómo realizala).

Este certificado do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) debe solicitarse por correo electrónico ao INE (Instituto Nacional de Estadística) da provincia á que pertenza en Galicia o concello galego ao que estés vinculado/a. Debes enviar un formulario que podes descargar aquí e enviar tamén unha copia do teu pasaporte ou DNI escaneado. O INE enviarache o  certificado do PERE  en poucos días por correo electrónico.

No caso de que a titulación de acceso ao máster se obtivera nunha universidade estranxeira, a certificación do expediente académico deberá ir acompañada da declaración de equivalencia de nota media que se obtén a través do acceso ao formulario na aplicación en liña da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España

O procedemento para realizar este trámite é o seguinte:

  1. O formulario de “declaración de equivalencia da nota media de expedientes académicos universitarios realizados en centros estranxeiros” debe ser cumprimentado coa información do expediente académico e debe seleccionarse a escala de cualificación que corresponde aos estudos realizados. Débense engadir os datos de cualificacións obtidas na escala orixinal e aparecerá de forma automática a nota media equivalente de cada unha e a nota media final do expediente académico.
  2. Terminado o devandito proceso, débese confirmar a declaración e xérase un PDF que se debe achegar á plataforma informática de bolsas.
  3. A declaración de equivalencia será revisada polos órganos instrutores dos procedementos, que deberán verificar os datos consignados na declaración para dar validez á mesma, e no caso de que existan erros ou contradicións, recalcularase de oficio a declaración efectuada. 

O custo da matrícula para estudos oficiais de máster está fixado polas universidades.
A matrícula consta de dous conceptos:

  1. Taxas administrativas ou de secretaría ( apertura de expediente, seguro universitario de accidentes e asistencia en viaxes, expedición tarxeta universitaria de identidade (TUI), solicitude de equivalencia etc., cuxo importe oscila entre 40 € e 70 € aprox. segundo os casos. 
  2. Taxas académicas (diferenciando a rama de Experimentais e Non Experimentais):
    a) Para os títulos de máster da rama de Experimentais - Epígrafe A (Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura), o importe sería 1.900 € aprox.
    b) Para os títulos de máster da rama de Non Experimentais - Epígrafe B (Arte e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas), o importe sería 1.300 € aprox.

Moi importante: Pago taxas administrativas e exención de taxas académicas

  • Os/as solicitantes das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, no momento de realizar a matrícula, deben marcar a casilla correspondente a que son solicitantes de bolsa e así só aboan as taxas administrativas ou de secretaría. Este abono faise normalmente mediante ingreso bancario ou mediante tarxeta bancaria de crédito ou débito.
  • Se a resolución da Bolsas Excelencia Mocidade Exterior fose favorable e se concedese a bolsa, as taxas académicas aboaríanse unha vez que a persoa bolseira estivese en España e se recibise o importe da bolsa.
  • Se a bolsa se denegase e xa non estivese interesado/a en realizar o máster, deberá anular a matrícula no prazo que estableza a universidade e perdería en todo caso o importe das taxas administrativas ou de secretaría.

No mes de agosto de 2020 publicarase na web da Secretaría Xeral da Emigración unha “nota informativa” co listado das 150 persoas beneficiarias da bolsa, para que preparen a súa viaxe a Galicia. Tamén se publicará o listado das 25 persoas suplentes para os casos de renuncias ou baixas das adxudicatarias.

Podes desprazarte a España unha vez que presentes a solicitude de bolsa con toda a documentación necesaria. O que é imprescindible é que no momento de solicitar a bolsa residas fóra de España. 

O importe da bolsa é o que se reflicte no seguinte cadro:

Dotación total da Bolsa

Nº Créditos ECTS

Nº cursos

Europa

Resto países

60 - 72

1

7.000 €

7.650 €

90 1,5

10.500 €

11.475 €

 

O pagamento da bolsa realizarase en dous ou tres prazos, unha vez que te atopes en Galicia, te teñas incorporado ao máster na universidade correspondente e presentes determinada documentación xustificativa:

  • O primeiro pago (5.000 €) realízase no mes do outubro/novembro de 2020.
  • O segundo pago (2.000 € / 2.650 €) realízase no mes de marzo/abril de 2021.
  • O terceiro pago, só para os másteres de 90 créditos, (3.500 € /3.825 €) realízase no mes de outubro/ novembro de 2021.

A información detallada atópase nas bases da convocatoria.  

Coa contía asignada deberás afrontar todos os gastos que se xeren para poder realizar o mestrado, e en concreto:
    a) Gastos de preinscrición, administrativos e de matrícula na universidade.
    b) Viaxe desde o teu país de procedencia.
    c) Aloxamento e manutención en Galicia.
    d) Subscrición dun seguro médico, no seu caso.

No caso de que se che conceda a bolsa, ademais do seguro médico ou de accidentes universitario que terás como estudante do máster, debes ter algún tipo de cobertura sanitaria que che cubra calquera atención ou continxencia médica. Segundo o caso, pode haber distintas opcións: se resides en Europa podes solicitar a Tarxeta Sanitaria Europea antes de viaxar a España; tamén podes tramitar en España a asistencia sanitaria pública como residente en España; ou tamén podes contratar un seguro médico privado.

Esta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institución ou ente público para cursar estudos de máster. Tamén é incompatible coas bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de formación profesional de grao superior en Galicia, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

  1. Recoñecemento de equivalencia do título estranxeiro:
    Para ser admitido/a nunha universidade, no caso de títulos estranxeiros de estudos de países alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), deberás tramitar a solicitude de recoñecemento de equivalencia académica do título estranxeiro en España.
    Este trámite é necesario aos efectos exclusivos de cursar estudos de Máster nunha universidade galega e debes realizalo directamente coa universidade galega onde pretendas cursar o máster.
  2. Declaración de equivalencia da nota media do expediente académico universitario estranxeiro:
    Un dos criterios de valoración das solicitudes destas bolsas é a nota media do expediente académico. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, debes presentar coa solicitude de bolsa o documento de declaración de equivalencia das notas medias de estudos e títulos universitarios realizados no estranxeiro aos correspondentes españois, que se realizará en liña a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional de España.

Para que un documento público estranxeiro sexa válido e recoñecido en España é necesario realizar no país que emitise o documento o proceso de legalización ou o trámite de obtención de Apostila da Haia. 

  1. Para solicitar a Bolsa que convoca esta Secretaría Xeral da Emigración, debes achegar na plataforma entre outros documentos: o teu título universitario e o teu certificado de estudos universitarios oficiais. Na convocatoria de bolsas non esiximos que estes documentos estean legalizados ou co trámite de Apostila da Haia.
  2. Ao mesmo tempo que solicitas a bolsa, debes solicitar a túa admisión nalgún dos másteres que ofertamos na universidade correspondente. As universidades van esixir posteriormente que o título universitario e o certificado de estudos universitarios oficiais estea legalizado ou teña apostila do convenio da Haia. Cada universidade establece un prazo diferente para presentar estes documentos legalizados, polo que debes comezar canto antes este trámite. Estes documentos entregaralos persoalmente unha  vez que te atopes en Galicia.
  • A través desta ligazón Futuros estudantes podes acceder a información de utilidade para as/os estudantes, tanto para antes da viaxe como ao chegar á UDC. 
  • No caso de que necesites calquera información a maiores, podes contactar directamente a través do correo electrónico: vepeu@udc.gal
  • www.udc.es
  • A través desta ligazón (picar aquí) facilítase información útil ás/aos estudantes tanto para antes da viaxe como ao chegar á USC.
  • No caso de que necesites calquera información a maiores, podes contactar directamente a través dos correos electrónicos: study.abroad@usc.esoiu@usc.es 
  • www.usc.es
  • Podes poñerte en contacto con esta Secretaría Xeral da Emigración a través do seguinte correo electrónico: retorno.emigracion@xunta.es
  • Tamén podes chamar aos seguintes teléfonos de España: +34 981 957 162 / +34 981 547 271