XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas
Pestanas principais


O venres 27 e o sábado 28 de maio celébrase na Habana o XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas, a reunión do órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia, e o primeiro que se celebra ao abeiro da nova Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
A celebración desta xuntanza da Galeguidade -que ordinariamente ten un carácter trianual- cobra un carácter aínda máis emotivo ao celebrarse nun país, Cuba, historicamente irmandado con Galicia: a maior das Antillas foi o primeiro destino masivo da diáspora galega xa a partir do segundo cuarto do século XIX e na actualidade residen alí preto de corenta mil galegas e galegos. Alí atopamos o xermolo de símbolos identitarios como a nosa bandeira ou a Real Academia Galega e -precisamente no Palacio do antigo Centro Galego da Habana (hoxe Gran Teatro Alicia Alonso) onde se vai celebrar este XI plenario do CCG- alí escoitouse por vez primeira o himno galego.
Nesta undécima cita abordaranse múltiples cuestións relacionadas cos movementos migratorios de cidadás e cidadáns galegos e as e os seus descendentes, e as comunidades que os aglutinan. O encontro pivotará en torno a catro asuntos centrais: o desenvolvemento tecnolóxico para un mellor servizo á cidadanía galega que reside fóra do territorio; o papel social das entidades galegas no Exterior; a análise do pasado, presente e –sobre todo- futuro da súa achega cultural; e os retos da Galeguidade para o futuro inmediato e cara as segundas xeracións nadas xa na diáspora.

O Consello de Comunidades Galegas é o órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Con carácter deliberante e funcións consultivas, o Consello asesora á Administración autonómica no cumprimento dos fins establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
A súa organización e funcionamento regúlase no Decreto 111/2015, do 6 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas.
Compoñen o Consello de Comunidades Galegas:
a) A Presidencia: a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia
b) A Vicepresidencia: a persoa titular do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia
c) As vogalías:
- As persoas titulares dos órganos e representantes das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de: Presidencia e administración pública; Educación e ordenación universitaria; Industria e comercio; Traballo e servizos sociais; Xuventude; Muller e igualdade; Cultura; Sanidade; Relacións exteriores e cooperación internacional; Deporte; Turismo
- Unha persoa representante do Consello da Cultura Galega
- Unha persoa representante da Real Academia Galega
- Unha persoa representante do Sistema Universitario de Galicia
- Unha persoa representante de cada unha das comunidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade
d) A Secretaría: a persoa funcionaria nomeada pola persoa titular do órgano competente en materia de emigración.
![]() Documentación asociada | |
|---|---|
| 903.29 KB | |
| 415.81 KB | |
| 690.16 KB | |
| 1.1 MB |

De acordo ao establecido no Decreto 66/2014, do 23 de maio, de regulamento da condición de comunidade galega e de centro colaborador da galeguidade, e do Rexistro da Galeguidade, en desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, celebrarase o venres 27 e o sábado 28 de maio do presente ano 2016, na cidade da Habana, o XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas.




