Conclusións aos Relatorios do VIII Pleno do Consello

Conclusións da Comisión 1ª do VIII Consello de Comunidades Galegas relativa ao relatorio “Os galegos residentes no exterior no novo Estatuto de Autonomía”
Reunida a Comisión 1ª do VII Consello de Comunidades Galegas para o debate do relatorio “Os galegos residentes no exterior no novo Estatuto de Autonomía”, acordouse a probación por unanimidade das seguintes conclusións:
- A emigración representa un dos fenómenos máis dramáticos da historia de Galicia dos últimos dous séculos. Hoxe Galicia conta con centros espallados por todo o mundo froito das vagas migratorias que Galicia experimenta desde finais do século XIX e comezos do século XX ata a actualidade. Sen embargo tamén cómpre destacar que o valor identitario, económico, político, cultural e estratéxico da diáspora constitúe unha posta en valor e unha oportunidade que a sociedade galega non debe desperdiciar. Porén o preámbulo do Estatuto de Autonomía de Galicia debe recoller o fenómeno da emigración como parte da realidade social galega dun xeito claro e explícito, facendo referencia aos galegos e galegas residentes no exterior no artigo referente á regulación da cidadanía galega.
- No artigo referido ás institucións de autogoberno e no que se regulen as bases estatutarias da lei electoral, deberá abordarse a posibilidade de voto para os galegos e galegas residentes en España nas eleccións ao Parlamento de Galicia. Se ben, é certo que esta demanda conleva complexidade e excede o eido competencial galego, solicitamos á Comisión de Emigrantes e á Comisión para a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia que analicen e debatan esta proposta que consideramos que conta co consenso dos máis de 400.000 galegos que residen fóra de Galicia así como de toda a diáspora en xeral.
- O futuro Estatuto de Autonomía de Galicia debería engadir no título preliminar un artigo referido ás comunidades galegas no exterior definindo o ámbito da galeguidade para os residentes na comunidade autónoma e nos residentes no exterior e contemplando tamén o dereito das comunidades galegas a solicitar recoñecemento da galeguidade para participar deste xeito na vida social e cultural galega.
- Tamén cómpre regular a creación dun Consello da Galeguidade, superando así ao existente Consello das Comunidades Galegas, co fin de acadar un órgano operativo e realmente representativo da emigración segundo ás áreas xeográficas nas que se asentan as comunidades galegas.
- Por último, ademais de contemplar aos galegos e galegas residentes no exterior dentro da cidadanía galega e de facer referencia ao papel das comunidades galegas como transmisores da lingua e a cultura galega no exterior, no Estatuto de Autonomía de Galicia debería contemplarse un título dentro do ámbito competencial sobre a regulación da protección do patrimonio galego no exterior.
Galicia conta cun valioso patrimonio artístico, bibliográfico, arquitectónico e histórico no exterior que forma parte da Galicia universal e cómpre protexer e potenciar. Consideramos que o Estatuto como norma básica de Galicia debe recoller a necesidade da súa protección así como o seu regulamento.
Conclusións da Comisión 2ª do VIII Consello de Comunidades Galegas relativa ao relatorio “A Reforma da Lei de Galeguidade”
Reunida a Comisión 2ª do VIII Consello de Comunidades Galegas para o debate do relatorio “A Reforma da Lei de Galeguidade”, acordouse a aprobación das seguintes conclusións:
Logo dun amplo debate e discusión sobor dos textos do relatorio presentado e das diversas comunicación formuladas pola representación dos centro que compoñen o consello das Comunidades Galegas, a Comisión adoptou o seguinte acordo como conclusións dos traballos levados a cabo:
- Apróbase o texto presentado como relatorio para a reforma da Lei de Galeguidade, o que será remesado como antecedente ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación lexislativa, se así o considerase, coas seguintes aclaracións.
- As liñas básicas para a reforma da vixente Lei da Galeguidade debe ter en conta dous aspectos, sen os cales non se entende o propio concepto de galeguidade, serían concretadas da seguinte forma:
- A galeguidade en canto atribución universal aos homes e mulleres fóra de Galicia débese recoñecer a aquelas comunidades galegas incorporadas ao movemento asociativo dos galegos, en calquera parte do mundo no que se atopen.
- Débese polo tanto, na reformada lei facer unha significativa mención como aportación básica ao desenvolvemento da galeguidade, a dito movemento asociativo galego no exterior e a súa ligazón ao feito da emigración galega como un dos fundamentos esenciais de dita galeguidade e, ademáis do agradecemento histórico por teren tal consideración, debese esixir ás asociación galegas no exterior un comportamento e unha finalidade básica de tales actividades de defensa e traballo en prol da lingua, historia e cultura galega, de agora en adiante, coa mesma dedicación e firmeza con que deica de agora levan traballando por todo o mundo dos galegos no exterior e a incorporación do idioma galego ao ámeto da lusofonía.
Polo todo o dito, tanto o texto da ponencia-relatorio como o de todas e cada unha das comunicación presentadas neste Consello de Comunidades Galegas deben ser remesadas á Presidencia do Parlamento de Galicia para a súa tramitación conforma a lei, acordándose, así ben:
- que se inclúan como texto obxecto de cualificación no Ensino en tódolos seus graos, a Historia de Galicia ligada ao feito específico da Emigración Galega.
- por último, a comisión acorda que os centros galegos existentes fora de Galicia que teñan ou cumpran máis de 100 anos sexan considerados como Patrimonio da Galeguidade e consonte a tal recoñecemento se estableza a protección necesaria do seu patrimonio bibliográfico, inmobiliario e demais, tal como legalmente sexa posible, facéndose xa unha especial mención ao Centro Galego de Montevideo por ter cumpridos máis de 120 anos.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2006