Conclusións aos Relatorios do VII Pleno do Consello

Conclusións ao I Relatorio:
Asistencia social a emigrantes galegos e retornados
Reunida a comisión de traballo do VII Pleno do Consello de Comunidades Galegas para o debate do Relatorio I, presidido por D. Odilo Martiñá Rodriguez, acordouse a aprobación por unanimidade das seguintes conclusións:
- Recoñecemento ó labor que ven realizando á Secretaría Xeral de Emigración en materia de asistencia social e cominala a seguir na mesma dirección sen prerxuzio do contido das restantes conclusións.
- Favorecer e potenciar todas aquelas actuacións dirixidas ós nosos maiores emigrantes, mediante o impulso para a construción de centros de atención (centros de día, fogares, etc.), e a realización de programas de asistencia domiciliaria e de atención con apoio de persoal sanitario e traballadores especializados en labores asistenciais.
- Potencia-la incorporación da xuventude ás nosas colectividades engarzándoas non só con programas lúdicos e de ocio senón tamén como voluntariado coa posibilidade de establecer canles de participación na área de atención social.
- Crear un entorno tendente á universalización de asistencia socio-sanitaria para tódolos emigrantes galegos, con independencia do lugar de residencia, ben de xeito directo ou mediante a suscrición dos correspondentes convenios, instando se fose necesario ó goberno central a tomar as medidas oportunas.
- Dimensionar a concesión de axudas ás necesidades reais existentes en cada país contando cunha rede de entidades colaboradoras de carácter informativo, destinadas á detección da poboación necesitada, e con outra para a prestación directa de axuda social e asistencial, consolidando unha serie de centros de referencia.
- Que se elabore un plan marco que permita unha actuación inmediata e efectiva de axuda ós galegos que se vexan afectados por situacións de crises económicas ou convulsións socio-políticas, xeradoras de inestabilidade e angustias, que nun momento dado poden afectar de xeito inesperado a un determinado país.
- Que se potencie o programa de axudas asistenciais favorecendo o coñecemento da súa existencia polo colectivo afectado a través de medios de comunicación, e así mesmo se avalíe a existencia doutros posibles supostos de necesidades a atender, como o gasto derivado da adquisición de medicación por mor de enfermidade para persoas maiores con ingresos insuficientes.
Conclusións ao II Relatorio:
A pervivencia no furuto das nosas comunidades: intercomunicación na Galicia Exterior. Unión e integración dos centros
Reunida a comisión de traballo do VII Pleno do Consello de Comunidades Galegas para o debate do Relatorio II, presidido por D. Xosé R. Barreiro Fernández, acordouse a aprobación por unanimidade das seguintes conclusións:
- Solicitamos da Xunta de Galicia a creación e desenvolvemento dunha rede de internet e intranet nun proxecto integral de informatización das entidades galegas no exterior, que facilite a comunicación e o intercambio de información das entidades entre sí, e delas mesmas coa Administración Autonómica de Galicia. Esta iniciativa facilitaría, igualmente, a disposición de correo electrónico baixo un mesmo dominio con facilidades para a participación en proxectos de comunicación ou foros entre as entidades.
- Propoñemos que se potencien as actividades formativas para a xestión e dirección de entidades asociativas que, dunha parte, faciliten a integración dos máis novos, e doutra, contribúan ó perfeccionamento e capacitación dos nosos directivos.
- Potenciar desde as entidades, e co apoio da Xunta de Galicia proxectos singulares de promoción da cultura galega, como promoción á lectura en galego, para rapaces, de tal xeito que se produza desde o inicio, unha maior identificación con Galicia e unha máis doada e duradeira integración nas nosas sociedades.
- Propoñemos que nos programas de Encontro con Galicia ou de intercambio entre xoves de distintas entidades poidan ter unha apertura a colectivos de diferentes xeracións, idades e orixes, dentro dos asociados nas nosas entidades na medida en que as circunstancias o permitan.
- As directivas das nosas entidades deben afondar nos procesos de integración da xuventude nas nosas comunidades proporcionándolles espazos de liberdade e responsabilidade nos que poidan participar en actividades do seu interese, propiciando así un auténtico sentimento de pertenza á propia institución.Para esta finalidade debemos, entre todos, proporcionarlles os medios materiais adecuados.
- Cremos que a Xunta de Galicia debe continuar na liña de potenciar a promoción de actividades e a concesión de axudas destinadas a proxectos integradores que beneficien ó conxunto da colectividade galega, asentada nunha localidade ou área determinada.
- As diferentes entidades e centros galegos asentadas nun radio de acción máis ou menos próximo, deberán coordinar, entre elas, as diferentes actividades que desenvolvan, facilitando así unha maior asistencia ás mesmas e tamén unha maior racionalización na utilización dos medios persoais e materiais.
- Os procesos de integración e unión de entidades debe partir dunha primeira fase de achegamento mediante a coordinación de actividades e de servizos conxuntos, procurando buscar a maior afinidade entre os colectivos susceptibles de avanzar nun proceso común de integración.
- Consideramos que a necesaria integración e unión de sociedades debe continuar cun proceso de negociación entre as distintas entidades a unirse, baseado no diálogo e nas peculiaridades específicas de cada centro, procurando a permanencia do labor histórico realizado por cada unha destas entidades individualmente, cun plan de futuro para os patrimonios sociais que posibiliten unha maior capacidade de servicio e respectando as masas sociais a través de normas xustas e equitativas.
- Propoñemos a promoción de actividades dirixidas ás comunidades que potencien a promoción dos valores e potencialidades de Galicia, dando prioridade aos valores culturais que nos identifican como pobo diferenciado e aberto, ao mesmo tempo, á convivencia e ao intercambio interculturais.
Conclusións ao III Relatorio:
Preservación do patrimonio actual e legado histórico das comunidades galegas no exterior
Reunida a comisión de traballo do Pleno do Consello de Comunidades Galegas para o debate do Relatorio 3 "PRESERVACIÓN DO PATRIMONIO ACTUAL E LEGADO HISTORICO DAS COMUNIDADES GALEGAS NO EXTERIOR", presidindo D. Antonio Díaz Otero, acordouse a aprobación por unanimidade das seguintes conclusións:
- Recoñecendo o valor dos estudios e labores realizados ata hoxe, demándase a continuidade dos traballos do Consello da Cultura Galega, así como que por parte da Secretaría Xeral de Emigración se intensifique o importante esforzo de financiamento, impulso e seguimento destes traballos.
- Que no labor de busca e catalogación de documentación e os labores de toda índole se chegue máis alá dos núcleos de actuación que ata agora centraron os traballos.
- Que por parte da Secretaría Xeral de Emigración se favoreza o coñecemento e difusión dos traballos do Consello da Cultura Galega a todas aquelas Comunidades Galegas interesadas.
- Que por parte das Comunidades Galegas se tome conciencia, en toda a súa gama e detalle, da importancia cultural dos bens mobles e inmobles, fotografías, documentación epistolar, folletos, e soportes de cultura máis intanxible co fin de que adopten as medidas eficaces de custodia e preservación e que se solicite a cooperación dos organismos pertinentes.
- Debe tomarse tamén en consideración a relevancia cultural de prensa dedicada á vida das nosas colectividades, como testemuño diario do seu quefacer e da súa evolución.
- Que se reflexione moi seriamente sobre a redacción dos estatutos sociais en canto o destino dos bens en caso de eventos como a disolución, extinción ou outros análogos co fin de que estes poidan seguir sendo parte do acervo cultural accesible a tódolos galegos.
- Que por parte da Secretaría Xeral de Emigración se continue e consolide una liña de estudio sobre as consecuencias xurídicas dos textos actuais dos estatutos sociais coa fin de que se propoñan as correccións ou modificacións que se estimen pertinentes, de cara a unha mellor garantía de mantemento dos bens culturais e a súa difusión en Galicia e fora dela. Neste punto, é importante que se fomente o traballo conxunto mediante a optimización dos recursos dos propios centros.
- Dadas as especiais características do patrimonio cultural galego en Cuba, solicítase unha particular dedicación por parte da Secretaría Xeral de Emigración e do Consello da Cultura Galega neste país.
- Estímase oportuno afianzar e afondar na participación das tres Universidades Galegas na preservación do patrimonio cultural e legado histórico das Comunidades Galegas no Exterior.
Conclusións ao IV Relatorio:
Nova cultura galega de cooperación exterior
Reunida a comisión de traballo do VII Pleno do Consello de Comunidades Galegas para o debate do Relatorio IV, presidido por Dona Loreto San Martín Gómez, acordouse a aprobación por unanimidade das seguintes conclusións:
Considerando a grande tradición de exercicio da solidariedade fraterna das comunidades galegas no exterior para cos seus conciudadáns de Galicia e dos países de acollida.
Considerando que as accións de cooperación para o desenvolvemento convén executalas por medio de entidades que coñezan o terreo e que dispoñan dunha infraestrutura operativa mínima para garantir o éxito maila boa fin das intervencións, máxime considerando a extraterritorialidade, a distancia xeográfica e os distintos ámbitos xurídicos, sociais e institucionais.
Resultando que as comunidades galegas do exterior agrupadas nos Centros e Casas de Galicia teñen experiencia acuñada na prestación de servizos sociais básicos.
Considerando que a Comunidade Autónoma de Galicia asume a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuíndo á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e un reparto mais xusto dos froitos do crecemento económico.
Conscientes de que a Lei 3/1993, de 19 de xuño de cooperación para o desenvolvemento recoñece ás comunidades galegas do exterior como axentes de cooperación.
Esta comisión, oídos os relatorios e comunicacións presentadas e tralo intercambio de pareceres dos seus membros, acorda por unanimidade as seguintes conclusións:
- Promover que os Centros Galegos adquiran o compromiso de actuar preferentemente no campo de prestación dos servizos sociais básicos á poboación residente nas súas áreas de influencia, sen distinción de orixe nin de nacionalidade.
- Instar á Xunta de Galicia a continuar na liña de desenvolvemento dun tecido de voluntarios nos centros galegos do exterior por medio de programas que axuden a formación e sensibilizacións fomentando estas actuacións especialmente entre o colectivo xuvenil.
- Solicitar da Xunta de Galicia que considere a oportunidade de establecer unha liña específica de subvencións, independente da dirixida ás Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ao Desenvolvemento, e aberta aos outros axentes de cooperación previstos na Lei 3/1993, de 19 de xuño, na que se inclúa ás Comunidades Galegas do Exterior agrupadas nos Centros Galegos, especialmente destinada aos países situados nos ámbitos xeográficos de atención prioritaria.
- Solicitar da Xunta de Galicia que propicie novas directrices europeas de cooperación con base no acerbo de coñecementos derivados do seu labor na Unión Europea, de forma que se cree unha opinión favorable á intervención en certas áreas sectoriais e xeográficas ás que nos debemos.
- Instar á Xunta de Galicia a ter presente o papel e as potencialidades dos Centros Galegos como actores de cooperación para o desenvolvemento na elaboración do primeiro Plan Director cuadrienal da Cooperación Galega.
- No suposto daqueles países que atravesen dificultades especiais derivadas das súas circunstancias políticas, solicitar á Xunta de Galicia a realización de xestións ante aquelas institucións públicas ou privadas que poidan abrir vías que faciliten o acceso ós fondos de cooperación ós centros galegos radicados nos mesmos.
