IX Pleno Consello de Comunidades Galegas

Consello de Comunidades Galegas

O Consello de Comunidades Galegas, dende a súa creación, veu desempeñando con acerto funcións consultivas e de asesoramento da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa acción exterior, na que está representada a nosa lexítima galeguidade universal con características propias, pero aberta a compartir.

A consolidación das relacións entre a Galicia exterior, coa institucional e terrirorial levouvos a avanzar, de xeito imparable, nunha maior participación efectiva na vida social, cultural, económica, política.

Este IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas que celebra a súa reunión trianual nesta ocasión en Montevideo- ten por diante a tarefa compartida por todos de poñer o acento no noso potencial con capacidade transformadora: a nosa xuventude, e así continuar crecendo como elementos modernizadores do país que vos acolleu e da propia Galicia.

Co desexo de que así sexa, anímovos a fortalecer coas vosas achegas todas as canles de participación dispostas, favorecendo unha comunicación máis estreita e efectiva, abrindo novos espazos de colaboración de liberdade e responsabilidade que revertan na obra da Emigración. Os nosos ollos, como goberno da Xunta de Galicia, están permanentemente voltos cara a esa realidade.

Santiago Camba Bouzas
Secretario Xeral da Emigración