A Secretaría Xeral da Emigración amplía as e os beneficiarios das Axudas Extraordinarias ás Persoas Emigrantes Retornadas para dotalas de ferramentas que lles permitan facer fronte ás consecuencias do coronavirus

O DOG publica hoxe a resolución do departamento autonómico pola que se inclúen todas e todos os descendentes retornados de galegos entre os destinatarios da convocatoria de 2020 deste programa.

Imaxe de arquivo da inauguración dunha das novas oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno
Imaxe de arquivo da inauguración dunha das novas oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración que amplía os beneficiarios e modifica o apartado correspondente aos destinatarios das Axudas Extraordinarias a Persoas Emigrantes Retornadas. A nova redacción, que establece que poderán ser beneficiarias e beneficiarios as e os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nadas en Galicia, tamén fixa que para optar a este programa as e os interesados deben presentar como documentación acreditativa da vinculación con Galicia da persoa solicitante aquela que demostre o seu nacemento en Galicia ou, de ser o caso, ser cónxuxe ou parella de feito inscrita ou descendente por consanguinidade dunha persoa galega e nada en Galicia.

Esta modificación responde a que “as circunstancias actuais, derivadas da declaración do estado de alarma realizado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, como consecuencia da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, están provocando unha grave crise social e económica que afecta en maior medida ás persoas emigrantes retornadas como colectivo con especiais dificultades de inserción socio–laboral. Polo que, co obxecto de dar resposta a esta situación de crise é necesario incluír como persoas beneficiarias nesta convocatoria de axudas, a todos os descendentes por consanguinidade dunha persoa nada en Galicia en calquera grao de parentesco, sempre que foran españois e que residindo fóra de España retornaran a esta Comunidade Autónoma”.

Entrada en vigor inmediata
A nova redacción da convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración para 2020, cuxo prazo de solicitude vén de ampliarse ata o 30 de outubro, entra en vigor hoxe. 

As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado están dirixidas aos galegos e galegas que regresaran á comunidade desde o exterior nos últimos dous anos, xa que esta convocatoria busca darlles un apoio para que poidan facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da súa volta á Galicia. Trátase dun pago único que conta cun orzamento total de 1,9 millóns de euros. O obxectivo desta orde do Goberno galego, que se mantén aberta desde o pasado 17 de marzo, é facilitar o retorno a aquelas e aqueles galegos que queiran regresar á súa terra, e inclúe un complemento de 1.000 euros para as familias por cada filla ou fillo menor de idade ata o segundo, e de 1.500 para o terceiro e sucesivos.

A solicitude destas axudas pode realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente no  Rexistro ordinario da Xunta. As persoas interesadas poden obter información no Portal Retorna da web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta (emigracion.xunta.gal), e nas propias sedes da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, situadas en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, que seguen a atender e asesorar ao público a través do correo electrónico e do teléfono.

En imaxes
342 lecturas