Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas para o ano 2020

Listen to this page using ReadSpeaker
18359 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Orde da convocatoria: 
Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento PR905A).
Entidade convocadora: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
16.03.2020
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto das Axudas:
A Secretaría Xeral da Emigración convoca as axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas para o ano 2020 e aproba as bases que regularán o procedemento  de concesión.

O obxecto é a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias:
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nacidas en Galicia. 
b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nacidas en Galicia.
c) Os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Requisitos:

a) Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar. 
b) Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente ante­riores á data do retorno a España.
d) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do retorno a España e a data de presentación da solicitude. 
e) Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar. 
Para estes efectos, considérase que son recursos económicos suficientes cando a suma da media dos ingresos que perciba cada membro da unidade familiar, nos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude, dividido entre o número de persoas que a integren supere o importe do IPREM mensual (indicador público de renda de efectos múltiples) vixente na data da solicitude. 
f) Carecer de bens patrimoniais suficientes (bens mobles e/ou bens inmobles) na uni­dade familiar. 
Entenderase como bens mobles suficientes cando o valor dos bens mobles de todas as persoas da unidade familiar, na data de presentación da solicitude, supere o límite de 15.000 euros cando a unidade familiar estea formada por unha persoa, incrementado, se é o caso, en 3.000 euros adicionais por cada un/unha dos/as restantes membros da unidade familiar.  
O capital mobiliario ou bens mobles estará conformado polos depósitos en conta co­rrente ou a prazo, accións, fondos de investimento e fondos de pensións, valores mobilia­rios, etc., que se valorarán polo seu valor nominal que conste na correspondente documen­tación bancaria, tanto en España como no estranxeiro. 
Entenderase como bens inmobles suficientes cando a suma dos valores dos inmobles de todas as persoas que integran a unidade familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 euros, na data de presentación da solicitude. 

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica

 

Outra documentación para descargar:

  • Texto completo da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)
  • Extracto da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)
  • Resolución do 26 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se acorda a continuación da tramitación do procedemento e do prazo de presentación de solicitudes (D.O.G. do 29 de maio de 2020) (picar aquí para descargar)
  • Resolución do 27 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se modifica a Resolución do 24 de febreiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se convocan para o ano 2020 (picar aquí para descargar).
Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
30.10.2020