A Secretaría Xeral da Emigración amplía ata o 30 de outubro o prazo de solicitudes das Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado

Antonio Rodríguez Miranda mantivo un encontro telemático coa Federación Venezolana de Galicia, que tamén está a recuperar a atención presencial ás galegas e galegos que volveron á comunidade.

Esta prórroga, autorizada polo Consello da Xunta o pasado día 22, pretende evitar que as restricións derivadas do Estado de Alarma limiten o acceso a este programa de posibles beneficiarias e beneficiarios. 

O secretario xeral da Emigración, esta mañá na videoconferencia con Fevega
O secretario xeral da Emigración, esta mañá na videoconferencia con Fevega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020.

A Xunta de Galicia amplía o prazo de solicitudes das Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado da Secretaría Xeral da Emigración ata o 30 de outubro (incluído), segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). A data límite inicial para acollerse a este programa era o 31 de agosto, pero o Goberno galego decidiu pospoñelo para evitar que as restricións impostas polo Estado de Alama declarado co obxectivo de frear a pandemia do coronavirus limite o acceso a esta medida, incluída na Estratexia Galicia Retorna 2020.

Esta medida, acordada polo Consello da Xunta o pasado día 22, foi un dos temas que abordou esta mañá o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, co presidente da Federación Venezolana de Galicia (Fevega), Manuel Pérez Vidal, na videoconferencia que ambos mantiveron desde as súas respectivas sedes de traballo. O colectivo está a recuperar a atención gratuíta que ofrece aos galegos e galegas que volveron á comunidade desde as oficinas de información que mantén en Vigo, Lugo, Ourense e A Coruña a través dun convenio asinado co departamento autonómico. 

Un pago único
As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado están dirixidas aos galegos e galegas que regresaran á comunidade desde o exterior nos últimos dous anos, xa que esta convocatoria busca darlles un apoio para que poidan facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da súa volta a Galicia. Trátase dun pago único que conta cun orzamento total de 1,9 millóns de euros. O obxectivo desta orde do Goberno galego, que se mantén aberta desde o pasado 17 de marzo, é facilitar o retorno a aquelas e aqueles galegos que queiran regresar á súa terra, e inclúe un complemento de 1.000 euros para as familias por cada filla ou fillo menor de idade ata o segundo, e de 1.500 para o terceiro e sucesivos.

A solicitude destas axudas pode realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente no  Rexistro ordinario da Xunta. As persoas interesadas poden obter información no Portal Retorna da web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta - emigracion.xunta.gal, e nas propias sedes da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, situadas en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, que seguen a atender e asesorar ao público a través do correo electrónico e do teléfono.

576 lecturas