A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo para solicitar as axudas extraordinarias á persoa emigrante retornada, que contan con incentivos específicos para as familias con fillas e fillos menores de idade

O departamento autonómico reserva un orzamento de 1,9 millóns de euros para ampliar a cobertura aos galegos e galegas que regresan á comunidade.

O prazo de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 31 de agosto de 2020.

Imaxe de arquivo da inauguración dunha das novas oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno
Imaxe de arquivo da inauguración dunha das novas oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de abrir o prazo para a presentación de solicitudes das Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, incluídas na Estratexia Galicia Retorna 2020 e que contan cun orzamento de 1,9 millóns de euros. O incremento desde os 1,75 millóns do ano pasado á contía actual resposta á necesidade de cubrir a nova liña que se puxo en marcha na anterior convocatoria, dirixida ás familias galegas que volveran a Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2019 con fillas ou fillos menores de idade. 

Esta ampliación tradúcese nun complemento de 1.000 euros por filla ou fillo menor de idade, ata o segundo, e de 1.500 para o terceiro e sucesivos, aos retornados e retornadas que regresen a Galicia con nenos ou nenas ao seu cargo. As Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado buscan facilitar o regreso das galegas e galegos que viven no exterior, tanto das e dos emigrantes como das e dos seus descendentes, a través dun pago único que lles permita facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da súa volta á comunidade galega. 

Información personalizada
O prazo para solicitar este programa da Secretaría Xeral da Emigración rematará o vindeiro 31 de agosto. Poden obter máis información sobre estas axudas en calquera das cinco sedes da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado da comunidade, no Portal Retorna, e en calquera outra oficina de información ao retorno coas que colabora o Goberno galego, onde recibirán unha atención personalizada.

1487 lecturas