A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo para solicitar a nova liña das axudas extraordinarias ás e aos retornados con fillas e fillos menores de idade
O departamento autonómico incrementará máis de tres veces o orzamento deste programa, de 550.000 a 1,75 millóns de euros, para ampliar a cobertura ás galegas e galegos que regresaran con nenas ou nenos a partir do 1 de xaneiro de 2019.
Miranda sinala a necesidade de “adaptar as medidas que ten en marcha o Goberno galego para facilitar o retorno á realidade das familias procedentes do estranxeiro”.
O prazo de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 30 de agosto.
A Secretaría Xeral da Emigración abre o prazo para a presentación de solicitudes das Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado, que este ano multiplica por máis de tres a súa previsión orzamentaria para atender a nova liña que inclúe a orde, dirixida ás familias galegas que volveran a Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2019 con fillas ou fillos menores de idade. O presuposto destinado a este programa do departamento autonómico dirixido por Antonio Rodríguez Miranda, pasa, así dos 550.000 euros de 2018 aos 1,75 millóns previstos para o exercicio que vén de comezar.
Así o adiantou esta mañá o secretario xeral da Emigración durante unha visita á oficina que a Federación de Venezolanos en Galicia (Fevega) en Ourense, coa que o departamento do Goberno galego mantén desde hai anos un convenio que lles permite ofrecer orientación e asesoramento gratuítos a todas e todos os cidadáns retornados galegos, e na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Xesús Vázquez Abad.
“Se queremos que Galicia volva ter mozos e xente nova, é fundamental ofrecer facilidades ás familias galegas que teñen fillos menores de idade á hora de regresar á súa terra de orixe. As cargas económicas e sociais que teñen que asumir as familias con nenos e mozos son, en moitos casos, superiores ás formadas unicamente por adultos, e por iso é fundamental adaptar as medidas que ten en marcha o Goberno galego para facilitar o retorno á realidade das familias procedentes do estranxeiro”, sinalou Miranda.
Máis esforzo para facilitar o retorno
O incremento, tanto económico como de repercusión social, que experimenta este programa reflicte o esforzo que o Goberno galego está a realizar para facilitar o regreso das galegas e os galegos que viven no exterior, tanto as e os emigrantes como os seus descendentes, á súa terra de orixe. O significativo aumento do orzamento das Axudas Extraordinarias ao Emigrante Retornado súmase ao reforzo aplicado ás medidas de fomento do retorno, que duplicaron a súa dotación económica, e que no caso da Secretaría Xeral da Emigración materialízanse nas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que nesta nova convocatoria incrementará nun 50% tanto as prazas como o seu orzamento, que pasará de 860.625 euros a máis de 1,1 millóns, e nas Axudas ao Retornado Emprendedor, que seguen a aumentar cada ano o número de proxectos beneficiados.
Estes incrementos buscan dar reposta á crecente demanda de cidadás e cidadáns galegos e descendentes de galegos residentes no exterior que regresaron a Galicia, un grupo no que destacan as e os galegos de Venezuela ou O Brasil no caso de América, e os de Suíza e o Reino Unido no de Europa. O número de galegas e galegos que retornan á súa terra de orixe ascenderon en 2017 a 6.202, un 21% máis ca en 2016. No primeiro semestre de 2018 esta cifra viuse incrementada nun 25% respecto ao mesmo período do ano anterior, o que fai prever un aumento nas cifras anuais definitivas de 2018.
Novas relacionadas