O secretario xeral da Emigración destaca en COPE Vigo a importancia da nova Estratexia Retorna que busca o retorno de 30.000 galegas e galegos ata 2026

O secretario xeral da Emigración, nos estudios de COPE Vigo
O secretario xeral da Emigración, nos estudios de COPE Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, explicou en COPE Vigo as novidades da recentemente aprobada Estratexia Galicia Retorna, destacando que permitirá á Xunta de Galicia continuar a afrontar o reto demográfico e facilitar o dereito ao retorno dos galegos e galegas do exterior que aportarán caudal de coñecemento activo e vantaxe competitiva á sociedade galega. A nova estratexia pon o foco de xeito relevante no eido laboral, ao que se destinarán 175 millóns de euros ata 2026 para impulsar o emprendemento, a formación e o emprego das e dos galegos do exterior.

O novo documento baséase na experiencia da primeira Estratexia Retorna, duplicándose o orzamento ata 450M€, dos que 50M€ destínanse a medidas específicas. O obxectivo para os próximos catro anos é conseguir o regreso de, polo menos, 30.000 galegas e galegos do exterior. Con este fin, potenciarase tamén a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno como a que existe en Vigo, situada na Delegación da Xunta, e que contará novo persoal técnico de apoio no ámbito laboral e fiscal.  Na entrevista tamén participou un galego retornado, Iñaki Dacasa, neto de galegos que volveu de México para realizar un máster en Enxeñería da Automoción grazas a unha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior - BEME, e atopou emprego na nosa comunidade autónoma.

  • Audio - Entrevista ao secretario xeral da Emigración en COPE Vigo | Descargar
233 lecturas