O ‘Obradoiro de Sabores’ de Galicia conquista Lisboa grazas á colaboración entre a Xunta e a comunidade galega na capital portuguesa

A Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración con outros departamentos autonómicos e o Centro Galego de Lisboa, organizou unha acción especial para dar a coñecer a actualidade e calidade galegas, e promover a proxección no país veciño.

Os produtos galegos e a promoción de Galicia foi un dos eixos do programa posto en marcha polo Instituto Cervantes, que desenvolveu as súas actividades do Día Europeo das Linguas nos xardíns do Pazo da Xuventude de Galicia na capital lisboeta.

  • O evento celebrouse no Centro Galego de Lisboa do 26 ao 28 de setembro
    O evento celebrouse no Centro Galego de Lisboa do 26 ao 28 de setembro
  • O evento celebrouse no Centro Galego de Lisboa do 26 ao 28 de setembro
    O evento celebrouse no Centro Galego de Lisboa do 26 ao 28 de setembro
  • O evento celebrouse no Centro Galego de Lisboa do 26 ao 28 de setembro
    O evento celebrouse no Centro Galego de Lisboa do 26 ao 28 de setembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2015.

Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa e a Xunta de Galicia converteron o ‘Obradoiro de Sabores’ de Galicia, e a actualidade e calidade galegas, en protagonistas da capital portuguesa mercé a unha acción especial destinada a promover a proxección cultural e económica de Galicia no país veciño.

A Consellería de Medio Rural e do Mar, en estreita colaboración coa comunidade galega na capital portuguesa e a Secretaría Xeral da Emigración, organizou esta acción especial, na que se deron a coñecer a destacados especialistas en materia gastronómica e enolóxica os produtos galegos amparados por denominación de orixe e marcas de calidade, achegados pola propia Consellería de Medio Rural e do Mar.

A idea de dar a coñecer Galicia e a súa calidade compleméntase sempre co traballo dalgún ou dalgunha profesional con ampla reputación e experiencia na materia. Nesta ocasión, os produtos de calidade galegos foron base para a realización de oito sesións de show cooking (lección maxistral de cociña) ao longo de tres xornadas, por parte de Lucía Freitas, da Tafona Casa de Xantar, integrante do Grupo Nove e finalista para ‘cociñeira do ano 2016’.

200 profesionais escollidos
A cada un destes show cooking asistiron 24 profesionais de distintos ámbitos relacionados coa escolma e adquisición de alimentos de calidade, dos sectores da restauración, distribución, pequeno e mediano comercio, tendas delicatessen, hostalaría, etcétera. Desta maneira, ‘Obradoiro de Sabores’ achegou o máis selecto da produción galega a case duascentas das persoas máis influentes á hora de seleccionar as compras deste tipo de mercadorías na capital portuguesa.

Ademais dos produtos do ‘Obradoiro de sabores’, participaron nesta acción especial producións cedidas pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellería de Industria e Comercio, e tamén material de promoción turística e cultural da Axencia de Turismo de Galicia.

Trátase dunha nova acción das moitas que desenvolve ao longo do ano a Xunta de Galicia, a través da colaboración de Emigración coas comunidades galegas en todo o mundo, para aproveitar a presenza da poboación galega noutros puntos de España, Europa e América para dar a coñecer unha imaxe actual, moderna e real da cultura e calidade galegas.

Galicia, protagonista
Nesta ocasión, e tamén por iniciativa de Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa, Galicia foi unha das protagonistas das actividades desenvolvidas polo Instituto Cervantes da capital portuguesa co gallo do Día Europeo das Linguas. As actividades, destinadas a tódalas idades e todo tipo de participantes, incluían curtametraxes, obradoiros de creación literaria, actuacións musicais, e accións de coñecemento de oito idiomas europeos, e congregaron a centenares de veciñas e veciños da capital do país veciño.

Os produtos galegos e a promoción de Galicia como destino cultural, gastronómico, monumental, e turístico en xeral, foi un dos eixos fundamentais do programa posto en marcha polo Instituto Cervantes, que desenvolveu as actividades desta data sinalada nos xardíns do Pazo da Xuventude de Galicia na capital lisboeta.

Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa
Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa foi fundada en 1908, e ten declaración de utilidade público polo país veciño. Con sede, en propiedade, nun singular edificio de finais do século XIX en pleno centro de Lisboa, desenvolve un amplo abano de actividades sociais e culturais, que a teñen convertido en referente na vida pública da capital portuguesa.

Así, colabora coas institucións culturais más destacadas con presenza en Portugal, e leva a cabo regularmente cursos de percusións tradicionais, varios tipos de danza, lingua galega, cantería e escultura, e múltiplos seminarios formativos de diversa índole. Ademais, posúe escola de música, grupo coral, equipos deportivos, e mesmo pon a disposición dos socios e socias información e achegas en forma de bolsas e axudas.

Membro da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa é un referente en canto posta ao día das súas actividades, de maneira que a chama da Galeguidade permanece acesa e viva entre as e os galegos de todo Portugal, e nomeadamente entre as xeracións máis novas.

1559 lecturas