Miranda visita as ‘Xornadas de Galicia en Cataluña’, onde se promocionan os produtos autóctonos de calidade e a comunidade como destino turístico

A Xunta colabora no evento organizado polas entidades galegas nesa Comunidade, 17 das cales foron pioneiras no proceso de unión.

Canda o secretario xeral da Emigración, asistiron o alcalde Xavier Trias e representantes do ‘Parlament’, así como presidentes de entidades galegas en Cataluña e empresarias e empresarios de diversos sectores alí afincados.

Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona / Santiago, 28 de setembro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu este sábado ás “Xornadas Empresariais, Culturais e Gastronómicas de Galicia en Catalunya”, organizadas pola Asociación de Centros e Casas Galegas en Cataluña, en colaboración coa Xunta de Galicia e o propio Ajuntament de Barcelona.

Canda Miranda, estiveron presentes no acto o alcalde da capital condal, Xavier Trias, o secretario xeral do PSC, Pere Navarro, ou o portavoz do PP no Parlament, Josep Enric Millo, entre outras e outros moitos representantes da vida política e social catalás, e tamén dos ámbitos empresariais e culturais, o que dá proba da importante proxección que teñen as comunidades afincadas en Cataluña. No evento estaban asemade presentes as e os presidentes das entidades galegas na citada Comunidade Autónoma.

No seu discurso, o secretario xeral da Emigración recordou a aposta que o Goberno galego está a realizar para atraer novos proxectos empresariais, e a tal efecto lembrou as múltiplas liñas de axudas postas en marcha para apoiar ás persoas emprendedoras. Consciente da relevancia da experiencia e bagaxe de galegas e galegos fóra da terra, a Xunta quere aproveitalas en beneficio da proxección e expansión tamén na Galicia territorial.

Rodríguez Miranda gabou o traballo realizado ata agora polas entidades galegas en Cataluña, e moi especialmente “o exemplo de unión que estades a dar a toda a Galeguidade universal”, en referencia ao acordo asinado o pasado mes de maio en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, polo que se uniron 17 entidades galegas con sede naquela Comunidade Autónoma.

A calidade de Galicia
Miranda visitou a parte da exposición na que Galicia amosa as súas vantaxes coma destino turístico, na que asemade poden verse diversas producións artesás da nosa terra, e diversos produtos de calidade do mar e da terra, mostra que se leva a cabo mercé á colaboración entre a Consellería do Medio Rural e do Mar, a Axencia de Turismo de Galicia, Xestión do Plan Xacobeo, Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Galicia Calidade, e a propia Secretaría Xeral da Emigración.

O stand xa se ten instalado con importante éxito, coincidindo con eventos destacados da diáspora galega, en Frankfurt e Santurce, e tralo seu paso por Barcelona, recalará en Sevilla en vindeiras datas. A intención dos organismos cooperantes é aproveitar a destacada presenza dos galegos e as galegas en todo o mundo para dar a coñecer a alta calidade das producións da Galicia territorial, e as súas potencialidades como destino turístico e para investimentos, sempre da man das propias entidades galegas.

Precisamente, Miranda rematou a visita á exposición acudindo á cata de produtos da terra e do mar de Galicia instalado no mesmo Parc dels Llumins do barrio barcelonés de La Vall d’Hebrón onde se celebran as Xornadas.

Alí, e canda as autoridades locais, tivo oportunidade de poñer en valor os produtos amparados por denominacións de orixe, e outros de elevada calidade, que a Xunta de Galicia está a promocionar da man das entidades galegas da diáspora en diversos puntos de España e Europa.

Coa diáspora en Cataluña
Antes, o máximo mandatario galego en materia de Emigración tivera ocasión de reunirse con representantes de diversas asociacións de Barcelona e provincia, coa finalidade de estudar novas fórmulas de colaboración. Lembroulles que é intención do Goberno galego apoiar especialmente aquelas iniciativas nadas precisamente ao abeiro de procesos de unión como o que de maneira pioneira tivo lugar en Cataluña.

As Xornadas ás que asistiu Miranda comezaron o venres e prolónganse durante toda a fin de semana, e nelas teñen lugar exposicións e actividades vinculadas a Galicia e aos galegos e galegas en Cataluña, conferencias a cargo de especialistas en promoción turística e comercialización de produtos, e actuacións de diversos grupos de música tradicional galega nados en entidade galegas da zona.

En imaxes
1640 lecturas