Presentado o cartel da mostra de Cimadevila en Lisboa, que Miranda inaugura no Centro Galego o vindeiro 13 de maio
Trátase dunha nova actividade da comunidade galega en Lisboa co gallo do Día das Letras Galegas.
A universalidade do Camiño, e da Galeguidade, son o fío condutor dunha mostra coa que Galicia volverá ser protagonista na axenda cultural lisboeta.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurará o vindeiro 13 de maio na sede de Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa a mostra Indo e vindo nun realismo aparente do pintor galego Ramiro Cimadevila, que permanecerá aberta ata o 3 de xuño.
Con este evento, un dos que a comunidade galega na capital portuguesa ten programados para conmemorar o Día das Letras, Galicia volverá converterse en punto de referencia da axenda cultural lisboeta. Trátase dunha nova actividade coa que o Centro pon en valor a cultura galega, e ao tempo unha homenaxe ás e aos habitantes da sociedade de recepción por parte da importante colectividade galega residente no país veciño.
Coa súa presenza na inauguración do vindeiro 13 de maio, Rodríguez Miranda quere apoiar a expansión internacional das e dos autores e artistas galegos e galegas a través das comunidades galegas, “unha proba máis da súa vital importancia á hora de proxectar a imaxe de Galicia no Exterior, renovándoa, actualizándoa, mellorándoa”, afirma o secretario xeral.
O autor
A mostra componse dunha serie de obras nas que o autor, natural da Estrada (Pontevedra), expón a súa obra en tres eixos temáticos diferenciados. O primeiro deles condúcenos ata as paisaxes da súa terra natal, e o segundo ás das terras do Courel (polas que o pintor ten especial predilección) que atravesa o universal Camiño de Santiago. Engádeselle aínda un terceiro motivo creativo, as composicións máis intimistas e persoais.
Pintor autodidacta de vocación temperán, comeza desde moi novo a desenvolver a súa vocación pictórica, e así, a finais dos anos 70 acode en Barcelona a cursos de pintura e tratamento da cor, e máis tarde en Santiago, no estudo de Elisa Abalo. Ten traballado intensamente realizando murais, deseño publicitario, e tamén no mundo da decoración. Na Coruña, no obradoiro Milpedras realiza cursos de gravado con Carlos Gonsalves, profesor en Madrid, e Yuli Andrea Cadavid, profesora na Universidade de Antioquia de Medellín (Colombia).
Ten exposto na súa vila natal, A Estrada, e tamén en Santiago, Lugo, Vigo, e Pontevedra e, fóra do territorio da Comunidade Autónoma, en Madrid e Barcelona. A súa obra está presente en múltiples coleccións de diversas localidades galegas, e tamén de Alacante, Madrid, Barcelona e Brasil.
Galicia universal
A natureza da universalidade do Camiño de Santiago, que enlaza a obra de Cimadevila coa Galeguidade, é posta en valor polo secretario xeral da Emigración no prólogo do catálogo da mostra. Así, Rodríguez Miranda advirte que “por extensión, entendo nos trazos deste amigo pintor, como quero entendelo nas pegadas que deixa a Galeguidade en Portugal e en tantos outros países do planeta, o noso compromiso coas xeracións vindeiras para que poidan gozar, en iguais ou mellores condicións ca nos, de todo este legado artístico, paisaxístico, e cultural que se nos ten depositado, e que temos a obriga moral de incrementar e transferir ás e aos galegos que veñan tras de nós”.
Un compromiso de futuro que materializan as e os galegos da diáspora, e que fundamenta a existencia e continuidade das comunidades galegas no Exterior: “Esa foi, sen dúbida, a filosofía que dirixiu os 108 anos de existencia do Centro Galego de Lisboa – Xuventude de Galicia, e ese será o mandato que nos ilumine no camiño de futuro, a tódolos que traballamos por fortalecer a semente de Galeguidade aló onde agromou”, destaca o secretario xeral da Emigración.
Xuventude de Galicia
Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa foi fundada en 1908, e ten declaración de utilidade público polo país veciño. Con sede, en propiedade, nun singular edificio de finais do século XIX en pleno centro de Lisboa, desenvolve un amplo abano de actividades sociais e culturais, que a teñen convertido en referente na vida pública da capital portuguesa.
Así, colabora coas institucións culturais más destacadas con presenza en Portugal, e leva a cabo regularmente cursos de percusións tradicionais, varios tipos de danza, lingua galega, cantería e escultura, e múltiplos seminarios formativos de diversa índole. Ademais, posúe escola de música, grupo coral, equipos deportivos, e mesmo pon a disposición dos socios e socias información e achegas en forma de bolsas e axudas.
Membro da actual Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa é un referente en canto posta ao día das súas actividades, de maneira que a chama da Galeguidade permanece acesa e viva entre as e os galegos de todo Portugal, e nomeadamente entre as xeracións máis novas.
Novas relacionadas





