Máis de 30.000 persoas descubriron a calidade galega mercé á colaboración entre as comunidades galegas e a Xunta

Centros e casas de Galicia no Exterior convértense en promotoras dos recursos da Comunidade Autónoma, e en altofalantes para as mensaxes de achega de novos investimentos, na área expositiva, que durante o ano 2013 visitou catro enclaves.

Tras estes bos resultados, e cumprindo a resolución do Parlamento de Galicia, a área formará parte do Plan de Actuación para a promoción no exterior no 2014.

Despois do seu paso por Frankfurt, Santurce, Barcelona e Sevilla, o ano que vén está previsto que se achegue a novos enclaves en España, Europa e, por primeira vez, América.

Actividades coma as aulas de catas gozaron de gran aceptación entre o numeroso público que pasou polas áreas expositivas
Actividades coma as aulas de catas gozaron de gran aceptación entre o numeroso público que pasou polas áreas expositivas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2013.
A área expositiva de Galicia, posta en marcha neste ano 2013 e que quere dar a coñecer a Comunidade Autónoma á cidadanía doutras Comunidades e países, ten recibido nas súas primeiras catro saídas máis de trinta mil visitantes.
 
Trátase dunha infraestrutura sinxela e moi versátil que inclúe unha exposición de artesanía galega, unha mostra de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, unha demostración en vivo dunha actividade artesán galega, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e unha aula de catas.
 
Todo este conxunto de actividades instálase en función das características do lugar onde se realiza, de tal xeito que se poden aproveitar estruturas xa existentes (tal foi o caso da Casa Torre en Santurce), baixo unha carpa, ou ben empregar un sistema mixto, adaptándose ademais con facilidade aos metros cadrados dispoñibles.

Por iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, en colaboración coa Consellería de Medio Rural e do Mar, a Axencia Turismo de Galicia, Galicia Calidade, e a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, púxose en marcha neste 2013 un proxecto que ten coma obxectivo a promoción de produtos de orixe galega, así como Galicia en xeral como referente turístico e de investimento pola alta calidade de tódolos seus servizos, aproveitando as diferentes actividades que os centros galegos realizan por diferentes motivos ao longo do ano. Deste xeito, as galegas e os galegos da diáspora actúan como embaixadores e embaixadoras da promoción da calidade de Galicia e os seus produtos.
 
Exemplo de eficiencia
Mercé ao éxito acadado na iniciativa, o Goberno galego pretende darlle pulo no decurso do ano 2014, cumprindo así a resolución do Parlamento de Galicia do último debate sobre o Estado da Autonomía. Nesa resolución, a cámara autonómica instaba á Xunta a que “elabore, impulse e execute un plan de promoción de Galicia, en colaboración coas Comunidades Galegas no exterior. Dito plan articulará as medidas de colaboración da Xunta coas comunidades galegas, cara ás sociedades nas que estean encravadas, para a promoción dos produtos agroalimentarios, do mar, da acuicultura, da artesanía, así como de Galicia en xeral como destino turístico, nomeadamente na divulgación do Camiño de Santiago”.
 
Nese Plan, arestora en fase de redacción definitiva, contémplase que a área visite novas cidades en España, en países europeos, e tamén americanos, dando así por vez primeira o salto á outra beira do Atlántico.
 
Segundo o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, esta área expositiva demostra dous feitos importantes. O primeiro, “a capacidade e eficiencia na unión de esforzos entre distintos departamentos administrativos, sen necesidade de aumentar o orzamento, optimizando os recursos dispoñibles”, afirma Miranda.
 
Para o secretario xeral da Emigración, o segundo feito “é moito máis importante. A presenza da área pon de relevo a profunda vontade de colaboración das comunidades galegas co progreso e desenvolvemento de Galicia, e a capacidade asombrosa das mesmas para facer atractiva a súa terra ante os ollos dos seus respectivos veciños”.
 
Un proxecto que foi medrando
A área comezou o seu periplo cunha saída internacional, do 19 ao 22 de maio, a Frankfurt, coincidindo coa Semana Cultural Galega da capital financeira alemá. Nesta primeira experiencia piloto, achegáronse ata a instalación case 4.000 persoas.
 
O seguinte fito foi o Día de Galicia en Euskadi, organizado pola Irmandade de Centros Galegos en Euskadi, que se celebraba este ano entre 5 e 7 de xullo en Santurce, na marxe esquerda do Gran Bilbao. Mellorouse a infraestrutura interna, en especial pola aula de catas, que permitiu que se levase a cabo durante eses días unha ampla programación. Preto de 6.000 persoas visitaron a área.
 
A área cubriu a súa terceira etapa en Barcelona, do 27 ao 29 de setembro, durante as Xornadas Empresariais, Culturais e Gastronómicas de Galicia en Cataluña. Aí, o proxecto aínda medrou con novas incorporacións: áreas de información máis específicas, mostra de fotografías e pezas de artesanía, demostracións en vivo, e conferencias. Na capital catalá, máis de 9.000 persoas quixeron coñecer este espazo itinerante sobre a calidade galega.
 
Na cuarta e última viaxe deste 2013, a área tomou terra na Plaza Nueva de Sevilla, auténtico corazón da capital andaluza, coincidindo co V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais en Sevilla, organizado polo propio Concello hispalense, e que neste 2013 se dedicaba precisamente a Galicia. Nesta ocasión, a área recibiu a visita, canda 11.000 persoas máis, do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
1275 lecturas