Miranda salienta na visita á Sociedade Espanhola de Beneficencia de Lisboa a solidariedade coas e cos máis desfavorecidos como marca distintiva da diáspora galega
O secretario xeral da Emigración apoiou a posta en valor da obra das e dos artistas galegos actuais participando en cadansúa presentación de pintura e poesía.
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, durante a súa visita á Sociedade Espanhola de Beneficencia de Lisboa
Antonio Rodríguez Miranda (á esquerda da imaxe), Álvaro Moreira, presidente da Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa (ao fondo da imaxe) e Ramiro Cimadevila (á dereita), na inauguración da exposición do pintor estradense no Centro Galego de Lisboa
A mostra 'Indo e vindo nun realismo aparente', do pintor galego Ramiro Cimadevila, permanecerá exposta no Centro Galego de Lisboa – Xuventude de Galicia ata o 3 de xuño
O presidente da Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa e o secretario xeral da Emigración, na entrada da sede da entidade galega na capital lusa
Miranda e Moreira tamén saudaron aos integrantes do grupo folclórico da entidade galega en Lisboa
Antonio Rodríguez Miranda e Ramiro Cimadevila na inauguración da exposición do pintor estradense no Centro Galego de Lisboa
A mostra 'Indo e vindo nun realismo aparente', do pintor galego Ramiro Cimadevila, permanecerá exposta no Centro Galego de Lisboa – Xuventude de Galicia ata o 3 de xuño
De esquerda a dereita: Antonio Rodríguez Miranda, Álvaro Moreira e Ramiro Cimadevila
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, rematou esta pasada noite a súa viaxe oficial a Lisboa cunha visita a unha das institucións senlleiras da diáspora galega e española, a Sociedade Espanhola de Beneficencia, que conta coa Medalla de Honra da Emigración na súa categoría de prata (concedida polo Goberno central) e da Placa de Honra da Orde de Isabel a Católica, entre outras importantes distincións que gaban o traballo realizado en prol das e dos maiores dependentes.
Segundo salientou Miranda ante as persoas asistentes á visita, “é para min toda unha honra visitar esta institución e comprobar con orgullo cómo mantén, adaptándoa aos novos tempos, a súa vocación orixinal de servizo á comunidade. Facendo que o termo beneficencia se poña ao día en pleno século XXI e, ao tempo, entronque coa súa orixe de facer o ben, e de facelo a quen máis o necesita”.
Así, o secretario xeral puxo de relevo que a solidariedade con aquelas e aqueles necesitados de especial coidado nas últimas estacións do seu percorrido vital foi –e aínda o é- un dos sinais característicos da Emigración galega: “Quero agradecerlles seguir dando brillo e valor a este marabilloso estandarte da universalidade española, no que a presenza galega é ben relevante. Son moitos os centros en todo o mundo vinculados a Galicia e España que se centran no traballo de cubrir as necesidades dos nosos maiores, e atendelas na medida do posible”.
A Sociedade conta con dormitorios individuais, dobres e triplos, con servizos de confort centralizados, catro salas multifunción e de convivencia, biblioteca e videoteca, salón de belas artes, de conferencias, de estética persoal, consultorio médico, gabinete de enfermaría, e capela, ademais doutras instalacións destinadas ao lecer e expansión en contacto máis directo coa natureza.
Poesía e pintura galegas
Antes de rematar a súa visita a Lisboa con este evento de marcado carácter social, Miranda quixo apoiar a obra das e dos artistas contemporáneos galegos, e o seu espallamento en terras portuguesas, acudindo á presentación do libro Dous corpos nus espíndose, obra escrita entre o artista portugués Casimiro de Brito e a poetisa galega Pura Salceda.
Salceda, filla de emigrantes galegos, naceu en México e reside desde os tres anos en Barcelona, onde exerce o cargo de secretaria xeral da Asociación Colexial de Escritores de Cataluña. Ten publicadas dúas obras en prosa e seis en poesía –ademais da presentada onte en Lisboa-, e os seus poemas teñen sido publicados en diversas revistas literarias de España e Iberoamérica, así como en trece antoloxías distintas. Ademais, ten recibido un premio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade á súa faceta como guionista.
Ademais de a esta presentación, Miranda xa presidira a noite do venres a inauguración da obra do pintor galego Ramiro Cimadevila na sede do Centro Galego de Lisboa – Xuventude de Galicia, un dos eventos cos que a entidade da Galeguidade na capital portuguesa conmemora o Día das Letras Galegas.
Centro Galego de Lisboa
Precisamente con socias e socios da entidade que agrupa a diáspora galega na cidade máis importante do país veciño tivo contacto directo o secretario xeral da Emigración na mañá de onte sábado. Compartiu coa diáspora a realidade e actualidade do seu vivir cotián na cidade do Tejo, e mesmo mantivo unha reunión de traballo coa directiva do propio Centro Galego de Lisboa – Xuventude de Galicia, con quen repasou as posibilidades presentes e futuras de colaboración.
Fundada en 1908, a entidade ten declaración de utilidade público polo país veciño. Con sede, en propiedade, nun singular edificio de finais do século XIX en pleno centro de Lisboa, desenvolve un amplo abano de actividades sociais e culturais, que a teñen convertido en referente na vida pública da capital portuguesa.
Así, colabora coas institucións culturais más destacadas con presenza en Portugal, e leva a cabo regularmente cursos de percusións tradicionais, varios tipos de danza, lingua galega, cantería e escultura, e múltiplos seminarios formativos de diversa índole. Ademais, posúe escola de música, grupo coral, equipos deportivos, e mesmo pon a disposición dos socios e socias información e achegas en forma de bolsas e axudas.
Membro da actual Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa é un referente en canto posta ao día das súas actividades, de maneira que a chama da Galeguidade permanece acesa e viva entre as e os galegos de todo Portugal, e nomeadamente entre as xeracións máis novas.
Novas relacionadas



