“Un Nadal de Contos” da Aula GaliciaAberta achégase ao seu remate con dúas historias centradas nestas festas

Esta proposta de contacontos da Secretaría Xeral da Emigración rematará coas sesións deste mércores 23 e do próximo sábado 26 de decembro.

O día de Reis haberá unha sesión especial para celebrar esta data con tódalas nenas e nenos galegos do exterior e da comunidade autónoma.

As sesións corren a cargo de Polo Correo do Vento e contan cun concurso para que as e os máis pequenos poidan optar a un lote de produtos do Xacobeo.

'O misterio do Nadal'
"O misterio do Nadal"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2020.

A Secretaria Xeral da Emigración  está a rematar o programa “Un Nadal de Contos” destinado ás e aos máis pequenos dentro da Aula GaliciaAberta.  

A iniciativa, que consiste en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida, como vén sendo habitual, a través do Facebook Live de GaliciaAberta de 20 a 21 horas de España. 

O contacontos de mañá chámase O misterio do Nadal, e céntrase en todo o que lle sucede a uns rapaces e rapazas no museo que están a visitar no día de Nadal. .

Todas aquelas e aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

O próximo sábado 26 rematará esta iniciativa que contará cun episodio moi especial a noite de Reis para transmitirlles toda a maxia desa data aos nenos e nenas da comunidade autónoma así como aos galegos e galegas do exterior. 

Concurso para as e os máis pequenos
Ademais, cabe recordar que a Secretaría Xeral puxo en marcha, en relación a este programa de contacontos, un concurso para as e os máis pequenos que premiará aos 50 primeiros nenos e nenas que remitan polo menos 5 debuxos realizados ao longo de todas as semanas de emisión desta iniciativa de contacontos, alomenos un por cada semana de emisión. 

Deste xeito, poderán elixir entre os dous contacontos que se emiten cada semana para realizar o seu debuxo. Ao final, as e os 50 primeiros que completen a iniciativa recibirán unha gorra, unha mochila e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo.

As pequenas e pequenos deberán facelas chegar á Secretaría Xeral da Emigración, a través do correo electrónico aulagaliciaaberta.emigracion@xunta.gal.

As bases do concurso poden atoparse na páxina web da Aula GaliciaAberta.

966 lecturas