O concurso do programa “Un Nadal de Contos” da Aula GaliciaAberta premiará aos 50 nenos e nenas que remitan debuxos das emisións

Os interesados e interesadas deberán enviar, como mínimo, un debuxo de calquera dos dous contacontos que se emiten cada semana ata o 26 de decembro ao correo aulagaliciaberta.emigracion@xunta.gal.

As gañadoras e gañadores recibirán unha mochila, unha gorra e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo.

Os contacontos emítense os mércores e sábados ás 20:00 h (hora española)
Os contacontos emítense os mércores e sábados ás 20:00 h (hora española)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha a partir desta mesma tarde, e dentro do programa “Un Nadal de Contos” da Aula GaliciaAberta, un concurso para as e os máis pequenos que premiará aos 50 primeiros nenos e nenas que remitan polo menos 5 debuxos realizados ao longo de todas as semanas de emisión desta iniciativa de contacontos.
 
“Un Nadal de Contos” comeza esta tarde, ás 20 horas (horario de España), e consiste en dez sesións de  contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida a través do Facebook Live de GaliciaAberta os mércores e sábados de 20 a 21 horas de España dende este  25 de novembro e ata o 26 de decembro. 

Todos aqueles e aquelas que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

Os contacontos alternarán historias de Nadal con contos sobre o Xacobeo e historias de persoeiros célebres coma o pirata Benito Soto. 

Os nenos e nenas deberán enviar, polo menos, 5 debuxos sobre estas historias, polo menos un por cada semana de emisión. Deste xeito, poderán elixir entre os dous contacontos que se emiten cada semana para realizar o seu debuxo. Ao final, as e os 50 primeiros que completen a iniciativa recibirán unha gorra, unha mochila e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo.

Os pequenos e pequenas deberán facelas chegar á Secretaría Xeral da Emigración, a través do correo electrónico aulagaliciaaberta.emigracion@xunta.gal.

As bases do concurso poden atoparse na páxina web da Aula GaliciaAberta (picar aquí para acceder).

792 lecturas