O mundo da astronomía será a protagonista, mañá mércores, do programa “Un Nadal de Contos” na Aula GaliciaAberta

Esta nova proposta de contacontos da Secretaría Xeral da Emigración continúa desenvolvéndose tódolos mércores e sábados ata o próximo 26 de decembro.

As sesións corren a cargo de Polo Correo do Vento e contan cun concurso para que os máis pequenos e pequenas poidan optar a un lote de produtos do Xacobeo.

Antonia Ferrín
Antonia Ferrín
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2020.

A Secretaria Xeral da Emigración continúa mañá, mércores 9 de decembro, co programa “Un Nadal de Contos” destinado ás e aos máis pequenos dentro da Aula GaliciaAberta

A iniciativa, que consiste en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida, como vén sendo habitual, a través do Facebook Live de GaliciaAberta de 20 a 21 horas de España. 

O contacontos de mañá chámase Ollando as estrelas, e ten como tema central a astroloxía e as historias que se poden coñecer a través dos planetas, as estrelas e as galaxias.

Todas e todos aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

Os contacontos alternarán historias de Nadal con contos sobre o Xacobeo e historias de persoeiros célebres coma o pirata Benito Soto.  

Ademais, cabe recordar que a Secretaría Xeral puxo en marcha, en relación a este programa de contacontos, un concurso para as máis pequenas e pequenos que premiará aos 50 primeiros nenos e nenas que remitan polo menos 5 debuxos realizados ao longo de todas as semanas de emisión desta iniciativa de contacontos, polo menos un por cada semana de emisión. 

Deste xeito, poderán elixir entre os dous contacontos que se emiten cada semana para realizar o seu debuxo. Ao final, as e os 50 primeiros que completen a iniciativa recibirán unha gorra, unha mochila e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo.

Os pequenos e pequenas deberán facelas chegar á Secretaría Xeral da Emigración, a través do correo electrónico aulagaliciaaberta.emigracion@xunta.gal.

As bases do concurso poden atoparse na páxina web da Aula GaliciaAberta.

En imaxes
412 lecturas