A maxia destas datas festivas pon fin a “Un Nadal de Contos” na Aula GaliciaAberta

Esta proposta de contacontos da Secretaría Xeral da Emigración conclúe mañá, dando paso a unha sesión especial na noite de Reis, dedicada a tódalas e tódolos nenos galegos no exterior e na nosa comunidade autónoma. 

As sesións corren a cargo de Polo Correo do Vento e contan cun concurso para que as e os máis pequenos poidan optar a un lote de produtos do Xacobeo.

'Nadal na praia'
"Nadal na praia"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2020.

A Secretaria Xeral da Emigración remata mañá, sábado 26 de decembro, o programa “Un Nadal de Contos” destinado ás e aos máis pequenos dentro da Aula GaliciaAberta.  

A iniciativa, que consistiu en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida, como vén sendo habitual, a través do Facebook Live de GaliciaAberta de 20 a 21 horas de España. 

O contacontos de mañá chámase Nadal na praia, e céntrase nas aventuras que unhas nenas e nenos viven na noite de Nadal nunha praia galega.

Todas aquelas e aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

“Un nadal de contos” poñerá o broche de ouro ao programa cunha sesión especial o próximo 5 de xaneiro, noite de Reis, cunha historia dedicada a tódolas nenas e os nenos galegos no exterior e na nosa comunidade autónoma.

Concurso para as e os máis pequenos
Ademais, cabe recordar que a Secretaría Xeral puxo en marcha, en relación a este programa de contacontos, un concurso para as e os máis pequenos que premiará aos 50 primeiros nenos e nenas que remitan polo menos 5 debuxos realizados ao longo de todas as semanas de emisión desta iniciativa de contacontos, alomenos un por cada semana de emisión. 

Deste xeito, poderán elixir entre os dous contacontos que se emiten cada semana para realizar o seu debuxo. Ao final, as e os 50 primeiros que completen a iniciativa recibirán unha gorra, unha mochila e unha camiseta co logo de Galicia e do Xacobeo.

As pequenas e pequenos deberán facelas chegar á Secretaría Xeral da Emigración, a través do correo electrónico aulagaliciaaberta.emigracion@xunta.gal.

As bases do concurso poden atoparse na páxina web da Aula GaliciaAberta.

826 lecturas