Miranda traslada a representantes de entidades galegas en Cataluña o apoio unánime e a solidariedade da sociedade galega ante a complexa situación social que están a vivir

O secretario xeral da Emigración reúnese co presidente da Asociación Centro Galego e Casas de Galicia de Barcelona e Provincia, e co seu homólogo do Centro Galego de Tarragona.

Amosa a súa preocupación pola realidade actual dos galegos e as galegas que residen en Cataluña ante as consecuencias que está deixando o conflito aberto polo independentismo.

Reitera a necesidade de impulsar a unidade para fortalecer ás diferentes asociacións e centros galegos en Cataluña.

  • O secretario xeral da Emigración, no encontro co presidente da Asociación Centro Galego e Casa de Galicia de Barcelona e Provincia
    O secretario xeral da Emigración, no encontro co presidente da Asociación Centro Galego e Casa de Galicia de Barcelona e Provincia
  • O secretario xeral da Emigración, na reunión co presidente do Centro Galego de Tarragona
    O secretario xeral da Emigración, na reunión co presidente do Centro Galego de Tarragona
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe encontros de traballo co presidente da Asociación Centro Galego e Casa de Galicia de Barcelona e Provincia, Domingo Balboa, e co seu homólogo do Centro Galego de Tarragona, José Lago, aos que lles trasladou o apoio unánime e a solidariedade da sociedade galega ante a complexa situación social que están a atravesar. 

Neste marco, o representante do goberno autonómico amosou a súa preocupación pola situación actual das e dos galegos que residen en Cataluña ante as consecuencias que está deixando o conflito aberto polo independentismo. 

Miranda quixo, así mesmo, coñecer polo miúdo as previsións das entidades galegas para o vindeiro exercicio, ao tempo que aproveitou para reiterar a necesidade de impulsar a unidade para fortalecer ás diferentes asociacións e centros galegos en Cataluña. 

Hoxe en día a colectividade catalá conta con cinco asociacións, das que tres son o resultado da unión ou fusión de varias agrupacións. Estas agrupacións “aglutinan e dan voz á diversidade identitaria e cultural dos galegos na comunidade autónoma catalá e fomentan a participación na súa vida social”, sinalou o titular da Secretaría Xeral da Emigración.

3.750 galegas e galegos menos en tres anos
No conxunto da comunidade autónoma catalá están censadas e censados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2019, un total de 69.058 galegas e galegos nacidos en Galicia, máis de 1.200 menos ca en 2018, cando había 70.277; máis de 2.500 menos ca en 2017, cando eran 71.564; e 3750 menos que no 2016, cando a cifra ascendía aos 72.808. 

551 lecturas