Miranda amosa o seu apoio aos galegos e galegas de Cataluña ante a complexa situación social que están a vivir e anima ás entidades a "seguir sendo lugar de encontro"

O secretario xeral da Emigración visita a Comunidade onde se reúne con representantes da Xuntanza de Asociacións Galegas en Cataluña, da Unión de Asociacións Galegas de Catalunya e da Asociación Centro Galego e das Casas de Galicia de Barcelona.

Traslada persoalmente “toda a solidariedade do pobo galego” á Agrupación Cultural Galega Saudade (integrada na Unión de Asociacións Galegas de Catalunya) tralas pintadas sufridas na súa sede a comezos de ano.

Mostra a súa “inquedanza e preocupación” pola situación actual da sociedade catalá ante o conflito aberto polo independentismo, e alenta aos centros galegos para seguir traballando no seu amplo abano de actividades.

Subliña que as nosas entidades son un “exemplo de acollemento e integración” e avoga pola mutua colaboración como “o mellor camiño para garantir o seu presente e o seu futuro”.

  • O secretario xeral da Emigración, cos e coas representantes das entidades galegas en Cataluña
    O secretario xeral da Emigración, cos e coas representantes das entidades galegas en Cataluña
  • O secretario xeral da Emigración, cos e coas representantes das entidades galegas en Cataluña
    O secretario xeral da Emigración, cos e coas representantes das entidades galegas en Cataluña
Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 23 de xaneiro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, amosou hoxe o seu apoio aos galegos e galegas de Cataluña ante a complexa situación social que están a vivir, animando ás entidades galegas a “seguir sendo lugar de encontro no que todos teñen cabida”. 
 
O titular do departamento autonómico fixo estas declaracións no transcurso dunha nova viaxe institucional a Cataluña, na procura de trasladar ás e aos representantes das entidades galegas na rexión o “apoio, afecto e solidariedade” da sociedade galega ante a “complexa situación social” que están a vivir. En particular, Miranda quixo achegar “todo este cariño a Agrupación Cultural Galega Saudade” (integrada na Unión de Asociacións Galegas de Catalunya), tralas “inxustificables e inadmisibles pintadas” sufridas na súa sede a comezos de ano.
 
O secretario xeral aproveitou a xornada para reunirse con representantes da Xuntanza de Asociacións Galegas en Cataluña, da Unión de Asociacións Galegas de Catalunya, da Asociación Centro Galego e das Casas de Galicia de Barcelona, ás que puxo como “exemplo de acollemento e integración” trasladándolles a súa “inquedanza e preocupación” polo actual conflito aberto polo independentismo.  
 
Así mesmo, Rodríguez Miranda animounas a seguir traballando no seu amplo abano de actividades que, como lembrou, son o camiño polo que as entidades “aglutinan e dan voz á diversidade dos galegos na comunidade autónoma catalá, fomentando a participación na súa vida social”. 
 
Por este motivo, o titular do departamento autonómico quixo coñecer polo miúdo as previsións das entidades galegas para este ano 2020, ao tempo que aproveitou para reiterar a necesidade de impulsar a mutua colaboración para fortalecer ás diferentes asociacións e centros galegos en Cataluña.
 
Cataluña suma 1.200 galegas e galegos menos   

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2019, o número de galegas e galegos en Cataluña ronda os 69.058. Barcelona posúe un total de 58.726 galegas e galegos, o que fai da cidade condal a urbe con máis galegas e galegos da comunidade. Séguena Tarragona (4.177), Girona (3.996) e Lleida (2.159). Máis de 1.200 menos ca en 2018, cando había 70.277; máis de 2.500 menos ca en 2017, cando eran 71.564; e 3.750 menos que no 2016, cando a cifra ascendía ás e aos 72.808.  

503 lecturas