Miranda traslada o apoio do Goberno galego ás entidades de Cataluña ante a delicada situación social que están a vivir
O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con representantes da Xuntanza de Asociacións Galegas de Cataluña.
Amosa a súa preocupación pola realidade actual das galegas e os galegos que residen en Cataluña ante o conflito aberto polo independentismo.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro con representantes da Xuntanza de Asociacións Galegas de Cataluña, a quen lles trasladou o apoio do Goberno galego ante a delicada situación social que están a vivir.
Neste marco, o titular do departamento autonómico reiterou a súa preocupación polo conflito aberto polo independentismo e as súas consecuencias sociais, que afectan directamente o día a día das galegas e os galegos e das entidades galegas en Cataluña.
Durante o encontro, abordáronse tamén as previsións das entidades galegas para o vindeiro exercicio, aproveitando o secretario xeral na necesidade de incidir na unidade das mesmas para o seu fortalecemento. Non en van, a Xuntanza de Asociacións Galegas de Cataluña, presidida por Xosé Carlos García González, é un bo exemplo disto ao estar integrada pola Agrupación Cultural Agarimos de Badalona, a Asociación Amigos de San Froilán, a Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà e a Casa Galega L’Hospitalet.
“A Xuntanza representa todas as bondades do asociacionismo, permitindo fortalecer os vínculos e reforzar o importante papel social e cultural que xogan en Cataluña as nosas entidades, dando voz á diversidade identitaria e cultural dos galegos na comunidade autónoma e fomentando a participación na súa vida social”, sinalou o titular da Secretaría Xeral da Emigración.
3.750 galegas e galegos menos en tres anos
No conxunto da comunidade autónoma catalá están censadas e censados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2019, un total de 69.058 cidadás e cidadáns galegos nacidos en Galicia, máis de 1.200 menos ca en 2018, cando había 70.277; máis de 2.500 menos ca en 2017, cando eran 71.564; e 3750 menos que no 2016, cando a cifra ascendía aos 72.808.
Novas relacionadas