Miranda transmite aos galegos e galegas de Cataluña o apoio unánime e a solidariedade da sociedade galega ante a complexa situación social que atravesa a comunidade
O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro co presidente do Centro Galego de Barcelona, Carlos Mandianes, unha das cinco entidades galegas inscritas en Cataluña.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, transmitiu unha mensaxe de apoio unánime e de solidariedade de toda a sociedade galega ás e aos milleiros de galegos que residen en Cataluña e que están a verse afectados pola complexa situación social que atravesa a comunidade autónoma. O titular do departamento autonómico reuniuse en Santiago co presidente do Centro Galego de Barcelona, Carlos Mandianes, quen ostenta o cargo desde febreiro do ano pasado, para interesarse pola situación actual dos galegos e galegas que residen en Cataluña e as consecuencias que está deixando o conflito aberto polo independentismo.
Miranda quixo, así mesmo, coñecer polo miúdo as previsións da entidade galega para o presente exercicio, e aproveitou para reiterar o respaldo do Goberno galego á traxectoria de unidade que fortalece ás diferentes asociacións e centros galegos en Cataluña desde hai anos. As cidadás e cidadáns galegos residentes en Cataluña integran unha das colectividades máis unidas. Están representadas por cinco asociacións, das que tres son o resultado da unión ou fusión de varias agrupacións. Estas agrupacións “aglutinan e dan voz á diversidade identitaria e cultural dos galegos na comunidade autónoma catalá e fomentan a participación na súa vida social”, sinalou o titular da Secretaría Xeral da Emigración.
Máis de 2.500 galegas e galegos menos en dous anos
No conxunto da comunidade autónoma catalá están censados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2018, un total de 70.277 galegas e galegos nacidos en Galicia (preto de 1.300 menos ca en 2017, cando había 71.564, e máis de 2.500 menos ca en 2016, cando eran 72.808), dos cales 59.848 (o 85,1%) residen en Barcelona e a súa provincia. A provincia de procedencia máis numerosa é a de Lugo (25.592 persoas, un 36,4 %), algo pouco habitual entre a diáspora galega. A seguinte é Ourense con 19.024, seguida de preto por A Coruña con 14.535 e Pontevedra con 11.126 residentes. Esta cifra increméntase se se engaden todas e todos os descendentes, aos que non é posible cuantificar estatisticamente por seren nados xa en Cataluña.
Novas relacionadas