Miranda traslada á colectividade o “respaldo e a preocupación” do Goberno galego ante a situación que está a atravesar Chile

Subliña o “compromiso permanente” de Galicia coas galegas e galegos do país andino e agradece o “incalculable labor” das entidades galegas.

Avoga pola “cohesión e unificación de esforzos” dos centros galegos de Chile, entre os que figuran o de Valparaíso e a comunidade de Punta Arenas.

O secretario xeral da Emigración mantén un encontro co seu homólogo do Lar Galego de Chile, Ítalo Barassi
O secretario xeral da Emigración mantén un encontro co seu homólogo do Lar Galego de Chile, Ítalo Barassi
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, vén de manter un encontro con seu homólogo do Lar Galego de Chile, Ítalo Baressi, a quen lle trasladou o “respaldo e preocupación” do Goberno galego ante a situación que está a atravesar o país andino.

A este respecto, o representante do executivo autonómico reiterou o “compromiso permanente” de Galicia cos galegos e as galegas do exterior, especialmente naqueles casos, como é o de Chile, nos que os países de acollida están a vivir situacións máis delicadas. “A incerteza que atravesa Chile fainos estar especialmente preocupados neste momento pola nosa colectividade”, resaltou Miranda. 

Neste contexto, o secretario xeral agradeceu o “incalculable traballo” que realizan as entidades galegas do país, en particular o dunha asociación como o Lar que suma máis de medio século configurándose como “lugar de encontro dos galegos en Santiago de Chile”.  

Durante todo este tempo, lembrou Miranda, o Lar –que conta con preto de 230 persoas asociadas das que máis do 80% son galegas- ten contribuído ao benestar da colectividade, difundindo a cultura e o folclore galego e promovendo a unión dos galegos e as galegas residentes en territorio chileno. Cómpre lembrar que, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, Chile acubilla hoxe en día 4.300 residentes de orixe galega.   

Neste sentido, o secretario xeral avogou pola “cohesión e unificación de esforzos” dos centros galegos de Chile, entre os que figuran tamén o de Valparaíso e a comunidade de Punta Arenas. 

En imaxes
250 lecturas