Miranda sitúa as máis de 60 medidas da Estratexia Galicia Retorna como mostra do compromiso do Goberno galego no acompañamento ás e aos retornados
O secretario xeral da Emigración participou, xunto á delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, nun acto sobre as diásporas de ida e volta que organizou en Vigo a Federación de Venezolanos de Galicia, Fevega.
O responsable da Secretaría Xeral destacou que a presenza dos retornados e retornadas permite dotar a Galicia dos mellores recursos para que a nosa sociedade afronte os retos da globalización.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron esta tarde no acto sobre as diásporas de ida e volta que organizou na cidade olívica a Federación de Venezolanos de Galicia, Fevega, e no que, entre outros temas, se analizou o retorno como un dos acontecementos máis relevantes no eido da migración das últimas décadas.
Durante a súa intervención, Antonio Rodríguez Miranda destacou o labor que neste senso está a realizar o Goberno galego de cara a apoiar de xeito integral ás e aos galegos retornados durante a súa incorporación á sociedade, tanto coa posta en marcha de axudas concretas para o emprendemento e a formación académica, como coa creación das oficinas integrais de información e asesoramento ao retorno que se atopan nas principais cidades de Galicia e que serven para acompañar ás familias retornadas na súa adaptación a sociedade galega.
O secretario xeral da Emigración situou as máis de 60 medidas da Estratexia Galicia Retorna como mostra do compromiso do Goberno galego no acompañamento aos retornados e retornadas, recordando que precisamente é a presenza das galegas e galegos do exterior que regresan a que permite dotar a Galicia dos mellores recursos para que a nosa sociedade afronte os retos da globalización.
Novas relacionadas