Miranda reúnese coa embaixadora de Australia en España, Julie-Ann Guivarra, para tratar os retos que afrontan ambas rexións

Imaxe da reunión celebrada esta mañá na Coruña
Imaxe da reunión celebrada esta mañá na Coruña
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 2 de abril de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, mantivo unha reunión coa embaixadora de Australia en España, Julie-Ann Guivarra, e coa segunda secretaria de Asuntos Políticos e Culturais, Ana Becerra Riveroll, como primeiro contacto entre ambas institucións. Entre outras cuestións, as e os representantes de ambos organismos trataron os retos que afrontan as súas respectivas rexións, entre os que destacan as políticas do exterior e o reto demográfico. Neste sentido, Miranda expuxo ás representantes australianas tanto as medidas de conservación de lazos coa terra de orixe como as de fomento de retorno, dirixidas ambas ás e aos cidadáns que residen no exterior, que o Goberno galego leva a cabo, e no que as autoridades do país de Oceanía amosaron moito interese.

En Australia residen un total de 1.908 cidadás e cidadáns galegos, dos que 784 son orixinarios da provincia da Coruña, 214 da de Lugo, 406 da de Ourense e 504 da de Pontevedra, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019. Delas e eles, pouco máis da metade, 1.068, foron nados en Galicia e o resto, xa no seu país de destino.

179 lecturas