Miranda presenta ao Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior a Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 que busca traer de volta a 30.000 galegos e galegas no próximos catro anos

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou onte, en Asturias, na segunda xornada do III pleno do VIII Mandato del Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior.

Miranda explicou o compromiso da Xunta cos galegos e galegas do exterior que se manifesta no apoio decidido do incremento dos recursos destinados ás axudas económicas e sociais, aos centros e na financiación de programas culturais e sociais para mozos e mozas e maiores. 

O responsable do departamento autonómico recordou ao Goberno central que o retorno considérase un dereito das e dos cidadáns no exterior polo que debe eliminar os atrancos existentes, que son da súa responsabilidade.

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa intervención no III Pleno do VIII Mandato do CGCEE
O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, durante a súa intervención no III Pleno do VIII Mandato do CGCEE
Listen to this page using ReadSpeaker
Oviedo (Asturias), 8 de novembro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou onte na segunda xornada do III Pleno do VIII Mandato do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior que este martes remata en Asturias, destacando que a Xunta de Galicia está a traballar no retorno para garantir o dereito a volver a Galicia aos cidadáns e cidadás do exterior, e como ferramenta para superar o reto demográfico ao tempo que ofrece unha vantaxe competitiva á sociedade galega. Para iso, Galicia conta cunha Estratexia Retorna que ten como obxectivo traer de volta a 30.000 galegos e galegas do exterior nos próximos catro anos.

Galicia atópase no medio dunha transformación das súas estruturas sociais, e o desafío demográfico é un dos principais. En resposta a esta situación, a Xunta de Galicia traballa, segundo apuntou Rodríguez Miranda, en medidas que atenden ao eido laboral, social, educativo, sanitario ou tecnolóxico.

Tal e como explicou o secretario xeral, o retorno baséase no feito de evidenciar que Galicia é un destino atractivo e con facilidades para as familias no seu conxunto e independentemente da idade das e dos seus membros.

Rodríguez Miranda asegurou que a nova Estratexia Retorna “baséase nunha ampla base legal e na experiencia adquirida durante a implementación da estratexia anterior. Neste tempo, creouse a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno e o Portal Retorna, que brinda información e asesoramento ás persoas emigrantes retornadas e as súas familias”.

A nova estratexia, lembrou Rodríguez Miranda, conta con 100 medidas transversais e específicas que teñen como obxectivo “proporcionar instrumentos de atracción profesional, intensificar o apoio ás familias no retorno, fomentar o emprendemento e o autoemprego, facilitar o acceso a vivendas, promover a continuidade educativa e apoiar a inclusión sociolaboral dos retornados”. 

Para poder facer realidade todas as actuacións previstas, a Xunta conta cunha dotación económica de 450 millóns de euros. “O obxectivo é mellorar os resultados do retorno e facer de Galicia a mellor opción para vivir para os galegos residentes no exterior”, continuou o responsable da Secretaría Xeral da Emigración.

Necesidade de actuación do Estado en materia de retorno
O secretario xeral da Emigración lembrou que “o retorno considérase un dereito de xustiza para todos os galegos que residen no estranxeiro, tal e como establece a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia”. 

Por iso, o secretario xeral destacou a importancia de que, dende o Estado español se poñan en marcha políticas serias e reais que faciliten o traballo que se está a facer dende a comunidade autónoma. 

Neste senso, segundo o responsable de Emigración da Xunta de Galicia, sería esencial que se axilice a homologación de titulacións universitarias, seguir axilizando os permisos de residencia e traballo para as familias españolas retornadas con membros sen nacionalidade, que se desenvolvan políticas de vivenda para estas familias, que se poñan en marcha programas de apoio á integración laboral e se solucione o trato mais gravoso da fiscalidade co que se atopan na actualidade as e os emigrantes e retornados. Tamén pediu corrixir os retrasos importantes na tramitación de prestacións económicas dos retornados e retornadas, de competencia estatal, en particular das persoas maiores. 

Reforzo no apoio ás persoas e entidades no exterior
Miranda  tamén explicou o forte compromiso da Xunta cos galegos e galegas do exterior que se manifesta a través do apoio decidido no incremento dos recursos destinados ás persoas e ás entidades. 

Así, continúanse a implementar as axudas económicas e sociais destinadas ás persoas maiores con situación especialmente vulnerable incrementándose para compensar os fortes procesos de inflación.

Tamén se están a mellorar as axudas aos centros galegos na medida que teñen un forte incremento dos seus custos de funcionamento, e amplíanse os aportes no orzamento de programas culturais e sociais para mozas e mozos e maiores, como Reencontros, Conecta con Galicia, Escolas Abertas ou Obradoiros. 

353 lecturas