Miranda destaca a aposta da Xunta polo retorno emprendedor para “traer de volta á terra todo o talento e o coñecemento adquirido”

Anima ás mozas e mozos galegos a participar nun programa aberto aínda á solicitude de axudas ata fin de mes.

Salienta que o modelo de negocio de Andrés “non só amosa do que é capaz o talento galego, senón que demostra a nosa capacidade para ser embaixadores da nosa terra alá onde esteamos”.

Subliña que desde a súa posta, o programa ten permitido impulsar máis de 150 novos negocios na comunidade.

  • O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con Andrés Rodiño Lis, retornado emprendedor que ten montado Rooteiro, un negocio de promoción do patrimonio galego a través de produtos turísticos
    O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con Andrés Rodiño Lis, retornado emprendedor que ten montado Rooteiro, un negocio de promoción do patrimonio galego a través de produtos turísticos
  • O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con Andrés Rodiño Lis, retornado emprendedor que ten montado Rooteiro, un negocio de promoción do patrimonio galego a través de produtos turísticos
    O secretario xeral da Emigración mantén un encontro con Andrés Rodiño Lis, retornado emprendedor que ten montado Rooteiro, un negocio de promoción do patrimonio galego a través de produtos turísticos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, resaltou hoxe a aposta do Goberno galego polo retorno emprendedor co obxectivo de que as mozas e os mozos galegos poidan “traer de volta á terra todo o talento e o coñecemento adquirido”. 

Esta aposta, detallou, materialízase a través de programas como o de Axudas ao Retornado Emprendedor, que ten aberto o prazo de solicitudes ata fin de mes, e permite impulsar iniciativas como ‘Rooteiro’, proxecto promovido por Andrés Rodiño Lis, mozo galego que marchou ao Reino Unido a completar a súa formación, e que de volta en Sanxenxo está a iniciar un negocio centrado na promoción do patrimonio galego a través de produtos turísticos.  

“Desde a Xunta estamos a traballar no retorno do talento galego espallado polo mundo”, salientou Miranda durante o encontro que mantivo hoxe, na praia da Lanzanda, con este emprendedor retornado. “O proxecto de Andrés é unha boa mostra non só do que é capaz de facer o talento galego, senón da nosa capacidade para ser embaixadores da nosa terra alá onde esteamos”. 

Neste marco, Rodríguez Miranda animou a todas e todos os emprendedores galegos no exterior a acudir a un programa que, ata fin de mes, ten aberto o prazo de solicitudes. Estas axudas, explicou, están dotadas dunha contía fixa de 5.000 euros por cada persoa retornada emprendedora, que pode incrementarse en 1.000 euros máis se se trata dunha muller, e noutros 2.000 se, ademais, o negocio está establecido nun concello rural. 

Para acadar a axuda, a persoa interesada debe aportar un plan de negocio empresarial que conte cun informe de viabilidade económica e financeira de entidade independente, entre os cales figuran a unidade de Galicia Emprende e os axentes de emprego e desenvolvemento local. 

Desde a posta en marcha do programa, proseguiu Miranda, máis de 150 galegas e galegos retornados teñen aberto novos negocios co apoio da Xunta. E só no 2018, a provincia de Pontevedra sumou preto de 20 novos proxectos empresariais.  

O reto demográfico: preto de 2.500 pontevedresas e pontevedreses retornados  
“Esta aposta polo retorno emprendedor non só nos permite atraer talento, senón que tamén é un piar sobre o que afrontar o reto demográfico”, proseguiu Miranda, quen resaltou que no 2018 preto de 2.500 pontevedresas e pontevedreses retornaron á provincia, moitos deles menores de 45 anos. 

“Desde a Xunta de Galicia somos conscientes de que a nosa terra dispón dun gran activo capaz de converterse nun dos piares fundamentais sobre os que afrontar o reto demográfico: os miles de galegos de segundas e terceiras xeracións que residen fóra da nosa comunidade, pero que conservan o seu vínculo coa terra que viu partir os seus pais e avós”, concluíu Miranda. 

171 lecturas