Miranda avoga polo impulso das políticas de retorno para “traer de volta á casa o talento galego e afrontar o reto demográfico”

Salienta a importancia da cooperación, coas entidades e entre as propias administracións, para facer accesible o retorno: “Débense dar os pasos oportunos para facilitar os permisos de residencia ou a homologación dos títulos universitarios”. 

Destaca o “labor fundamental” que se realiza desde as entidades de agrupacións de venezolanas y venezolanos retornados para facilitar a chegada de “moitos paisanos que están a atravesar unha situación excepcional”.

Subliña o incremento que están a experimentar as cifras de retorno a Galicia, con máis de 2.000 galegas e galegos do exterior que volveron a Vigo e á súa comarca durante o ano 2018, o 60% delas e deles menores de 45 anos.

  • O secretario xeral da Emigración asiste ás 'Xornadas de formación e orientación ao retornado', organizadas por FEVEGA
    O secretario xeral da Emigración asiste ás 'Xornadas de formación e orientación ao retornado', organizadas por FEVEGA
  • O secretario xeral da Emigración asiste ás 'Xornadas de formación e orientación ao retornado', organizadas por FEVEGA
    O secretario xeral da Emigración asiste ás 'Xornadas de formación e orientación ao retornado', organizadas por FEVEGA
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo (Pontevedra), 8 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe nas Xornadas de formación e orientación ao retornado organizadas por FEVEGA, onde avogou polo impulso das políticas de retorno como chave para “traer de volta á casa todo o talento galego e afrontar o reto demográfico”. 

“No século pasado, a emigración abriuse paso na nosa terra como un camiño polo que transitar cara á busca dunha vida mellor. Agora, somos nós os que podemos ofrecer unha vida mellor, e por isto resulta fundamental traballar nas políticas de retorno”, subliñou Miranda, quen defendeu a necesidade de impulsar este labor desde a “cooperación, coas entidades e entre as propias administracións”. 

Neste sentido, o secretario xeral destacou o “traballo fundamental” que se realiza desde as entidades de agrupacións de venezolanas e venezolanos retornados para facilitar a chegada de “moitos paisanos que están a atravesar unha situación excepcional”, ao tempo que demandou a colaboración do Goberno central para que tome as “medidas necesarias” nos ámbitos da súa competencia. Así, afondou, moitas e moitos dos retornados están a atopar serios problemas en materia de permisos de residencia e traballo ou na homologación dos títulos universitarios. 

“Cursos como este son unha boa oportunidade para afondar na importancia da colaboración, entre administracións e entidades, na procura de achegarvos a información e a formación necesaria”, sinalou Miranda, quen subliñou que o retorno “é unha oportunidade de xustiza para os galegos do exterior”. 

O retorno e o reto demográfico 
Así mesmo, Rodríguez Miranda destacou tamén as oportunidades que ofrece o retorno para afrontar “o gran reto demográfico que temos por diante”. “A nosa terra dispón dun gran activo capaz de converterse nun dos piares fundamentais sobre os que afrontar este reto: os miles de galegos de segundas e terceiras xeracións que residen fóra da nosa comunidade, pero que conservan, igual de forte que o primeiro día, o seu vínculo coa terra que viu partir aos seus pais e avós”, incidiu.  

Neste marco, o titular do departamento autonómico lembrou que a aposta da Xunta pola volta a casa dos galegos e galegas do exterior materializouse na Estratexia Retorna 2020, un documento transversal que busca acadar a volta á terra de 20.000 cidadás e cidadáns galegos no período 2018-2020. 

Así, Rodríguez Miranda resaltou o incremento que están a experimentar as cifras de retorno a Galicia, con máis de 7.000 galegas e galegos do exterior que volveron durante o ano 2018, o que supuxo o quinto exercicio consecutivo de incremento do retorno á comunidade. “Deses, máis de 2.000 fixérono a Vigo e á súa comarca; o 60% deles menores de 45 anos”, engadiu.  

966 lecturas