Galicia e Castela e León actualizan as súas accións conxuntas de apoio ás e aos cidadáns do exterior e ao retorno

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o seu homólogo na Junta de Castilla y León, Fernando Rubio, mantiveron unha reunión de traballo para analizar cuestións como a promoción do Camiño de Santiago a través dos centros do exterior e o apoio aos cidadáns e cidadás de ambas comunidades residentes noutro país.

A maiores, o director xeral de Acción Exterior do Goberno castelan e leonés tamén se mostrou interesado polo funcionamento da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno posta en marcha pola Xunta co obxectivo de informar e axudar aos galegos e galegas que desexan volver a Galicia.

  • Antonio Rodríguez Miranda e Fernando Rubio Ballestero, durante a reunión de traballo celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
    Antonio Rodríguez Miranda e Fernando Rubio Ballestero, durante a reunión de traballo celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
  • Antonio Rodríguez Miranda e Fernando Rubio Ballestero, durante a reunión de traballo celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
    Antonio Rodríguez Miranda e Fernando Rubio Ballestero, durante a reunión de traballo celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión de traballo nas últimas horas co director de Acción Exterior do Goberno de Castela e León, Fernando Rubio Ballestero, co obxectivo de centrar accións conxuntas de apoio ao retorno en ambas comunidades autónomas. 

Durante este encontro, analizouse a posibilidade dunha colaboración conxunta neste ámbito, ligada a proxectos emprendedores postos en marcha por cidadás e cidadáns de ambas comunidades autónomas que aposten polo regreso tanto a Galicia como a Castela e León.

Neste ámbito, tamén se interesou o director xeral de Acción Exterior do Goberno castelan e leonés polo funcionamento da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno posta en marcha pola Xunta de Galicia en 2020 e que ten como obxectivo informar e axudar aos galegos e galegas que desexan volver a Galicia. O obxectivo sería analizar a viabilidade deste mesmo proxecto en Castela e León, de cara a dar orientación xurídica, tributaria e laboral a quen a necesita no seu camiño de regreso á súa terra de orixe.

Co gallo de aumentar a información ás persoas interesadas neste ámbito así como nas axudas a cidadás e cidadáns galegos e castelan e leoneses no exterior, tamén se decidiu instalar a ligazón de cada unha das webs dos dous organismos oficiais, de xeito que se poida acceder a elas entrando tanto en https://emigracion.xunta.gal/comunidade-ga coma en https://www.jcyl.es/web/es/administracionpublica/ciudadania-castellana-leonesa-exterior.html.

Durante o encontro tamén se puxo sobre a mesa o interese de Castela e León pola iniciativa dos centros galegos promotores do Camiño de Santiago que desenvolve a Xunta de Galicia e que ten como obxectivo que os centros do exterior poidan converterse en focos de promoción do Camiño, idea que pode ser interesante para a comunidade autónoma veciña dado o  peso que para Castela e León teñen o Camiño Francés e a Vía da Prata.

Finalmente, Rodríguez Miranda invitou formalmente a Rubio Ballestero ao Consello de Comunidades Galegas que se celebrará en Ourense o 21 e 22 de setembo, emprazando tamén o director de Acción Exterior do Goberno de Castela e León ao secretario xeral da Emigración ao encontro de comunidades castelás e leonesas que se desenvolverá en outubro en Salamanca. 

426 lecturas