Miranda louva o apoio á proxección e mellora da imaxe de Galicia que realizan os centros galegos en Castela e León

O secretario xeral da Emigración preside hoxe os actos do XXIV Día de Galicia na comunidade veciña, organizado nesta ocasión polo Centro Galego de Miranda de Ebro.

300 persoas participan en diversas actividades lúdicas e culturais, nunha celebración que contou con importante presenza de conveciñas e conveciños casteláns.

  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no momento de dirixirse ás e aos asistentes ao XXIVº Día de Galicia en Castela e León
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no momento de dirixirse ás e aos asistentes ao XXIVº Día de Galicia en Castela e León
  • De esquerda a dereita: a alcaldesa de Miranda de Ebro, o secretario xeral da Emigración e o presidente da Federación de Centros Galegos en Castela e León
    De esquerda a dereita: a alcaldesa de Miranda de Ebro, o secretario xeral da Emigración e o presidente da Federación de Centros Galegos en Castela e León
  • Preto de 300 persoas participaron na localidade burgalesa de Miranda de Ebro no XXIVº Día de Galicia en Castela e León
    Preto de 300 persoas participaron na localidade burgalesa de Miranda de Ebro no XXIVº Día de Galicia en Castela e León
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2017.

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asiste este sábado á celebración da 24ª edición do Día de Galicia en Castela e León, organizado polas entidades galegas presentes na Comunidade Autónoma veciña, e que se celebra cada ano de xeito rotatorio nalgunha das localidades nas que se asentan.

“Estas comunidades galegas traballaron e traballan arreo pola transmisión do sentimento de Galeguidade ás segundas xeracións, mediante actividades que achegan aos mozos á terra de orixe dos seus pais e avós. Nese sentido, desenvolveron e desenvolven un traballo exemplar que, nótase, está empezando a dar os seus froitos”, asegura o secretario xeral, quen tamén asegurou que “cómpre gabar o apoio á proxección e mellor da imaxe de Galicia que realizaron e realizan”.

Os actos desenvólvense no pavillón da Antiga Fábrica de Parafusos, habilitado para a ocasión con actividades destinadas especialmente a nenas e nenos e mocidade. Actúan os coros e grupos de bailes das casas e centros galegos de Burgos, Salamanca, Valladolid, Ponferrada e a anfitrioa neste ano, Miranda de Ebro. Espérase que participen na celebración de hoxe na contorna das 300 persoas, tanto persoas vinculadas aos centros citados, como residentes en xeral na localidade mirandesa e arredores.

Acompañan a Rodríguez Miranda a alcaldesa da cidade burgalesa, Aitana Hernando Ruíz, o concelleiro de Servizos Sociais, Mocidade, Sanidade  e Novas Tecnoloxías, Pablo Gómez Ibáñez, así como directivas e directivos das comunidades galegas citadas, encabezados polo presidente da Federación de Centros Galegos en Castela e León e membro da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, José Ignacio Paz Bouza, e do presidente do propio Centro Galego de Miranda de Ebro, José Alfonso Tojeiro.

Ademais das actuacións dos grupos musicais e de danza das comunidades galegas, terá lugar un concerto de folk e rock baixo o epígrafe "Noites de Rock e Meigas", grupo formado por participantes nas actividades de danza do centro mirandés, máis músicos locais, que recentemente editaron un CD de certa relevancia e repercusión.

O Centro mirandés
O Centro Galego de Miranda de Ebro fundouse hai 34 anos e posúe un local social con biblioteca, administración, servizos de hostalaría abertos ao público xeral, locais para ensaios dos grupos folclóricos, salón social multiusos, etcétera. Esta comunidade destaca dun xeito especial no apartado folclórico, pola alta calidade das e dos membros dos grupos integrantes da disciplina de danza galega.

Arestora, e segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen oficialmente en Castela e León un total de 23.513 galegas e galegos, cantidade que non reflicte esas segundas xeracións, nadas xa na diáspora, que manteñen, renovan e perpetúan o sentimento de pertenza á Galeguidade universal.

1473 lecturas