Galicia e Castela e León poñen en marcha proxectos conxuntos de apoio aos cidadáns e cidadás do exterior e ás e aos retornados

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, e o director xeral de Acción Exterior en Castela e León, Fernando Rubio Ballestero, mantiveron unha reunión na que se abordaron cuestións como a colaboración conxunta de entidades de ambas comunidades no exterior, a ampliación das liñas de apoio aos cidadáns e cidadás do exterior e a potenciación do ámbito virtual para dinamizar os centros e ofrecer máis e mellor información a través das páxinas web e redes institucionais.

Tamén se analizou a posta en marcha de accións que axuden a atraer ás e aos máis novos aos centros galegos e castelán-leoneses do exterior.

Antonio Rodríguez Miranda e Fernando Rubio Ballestero, na reunión celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
Antonio Rodríguez Miranda e Fernando Rubio Ballestero, na reunión celebrada na sede da SXE na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022.

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, e o director xeral de Acción Exterior en Castela e León, Fernando Rubio Ballestero, mantiveron hoxe unha reunión na que se analizaron diversas cuestións relativas ao apoio aos cidadáns e cidadás e centros de ambas comunidades do exterior, así como ao ámbito do retorno.

Ambos responsables de exterior confirmaron a continuidade do traballo e a colaboración de ambas comunidades autónomas “irmás” en prol das e dos galegos e casteláns-leoneses afincados no exterior. “Non podemos esquecer que Galicia conta con 500.000 galegos no exterior e Castela e León con máis de 188.000 cidadáns residindo fóra da súa comunidade”, explicou Rodríguez Miranda. “Para nós é esencial potenciar a colaboración entre ambos gobernos territoriais co obxectivo de incentivar tanto aos nosos centros como trasladar de xeito máis eficaz a información e as axudas aos nosos cidadáns residentes no exterior”.

Con este fin, ambas comunidades autónomas están a traballar nunha ruta de proxectos conxuntos que favoreza o apoio ás e aos cidadáns do exterior e ás e aos retornados, ampliando as actuais liñas de traballo e desenvolvendo iniciativas conxuntas que faciliten o regreso a Galicia e Castela e León de aqueles e aquelas que desexan emprender en ambas comunidades autónomas. 

“Neste senso é esencial potenciar tamén o ámbito virtual”, engadiu Rubio Ballestero, “xa que é necesario facilitar ferramentas TICs para modernizar as entidades e axudalas na súa xestión”. Segundo apunto o director xeral, “a dixitalización é esencial para que se dinamicen as axudas e se axilicen moitos procesos, e nese senso, debemos dar formación ás nosas entidades para que conten con máis capacidade de actuación”.

Con esta finalidade, ambas comunidades autónomas tamén facilitarán que se compartan contidos nos dous portais que xa existen nestes departamentos destinados ás e aos residentes no exterior: GaliciaAberta e AcciónExterior. “O obxectivo é compartir contidos, información... abrirnos á información de utilidade mutua”, engadiu Fernando Rubio.

Rodríguez Miranda rematou engadindo que as casas e centros de ambas comunidades no exterior “están a modernizarse para adaptarse aos actuais tempos, e nós, dende as administracións, temos que axudarlles no proceso de atracción dos máis novos ata estas entidades”.

Para ambos responsables autonómicos, é tamén esencial facilitar que se realicen proxectos conxuntos entre centros de ambas comunidades autónomas e incluso, facilitar o uso de sedes nos distintos países. “Deste xeito, aproveitaranse sinerxías que poden facer máis atractivas as actividades e proxectos destes centros, dinamizándoos e axudando así a mellorar á atención aos nosos galegos e castelán-leoneses do exterior”, rematou o secretario xeral da Emigración.

551 lecturas