As entidades galegas do exterior contarán cun total de 40 obradoiros de música, cociña e cultura galega

A Secretaría Xeral da Emigración vén de publicar a adxudicación definitiva dos 40 obradoiros que se organizan en colaboración coas entidades galegas do exterior de América, España e Europa. 

Estas actividades serán presenciais, excepto os seminarios de cultura galega que se realizarán de forma virtual, e darán comezo este mes de setembro. 

Na presente convocatoria resultaron beneficiarias 19 entidades galegas de América, 17 de España e 4 de Europa
Na presente convocatoria resultaron beneficiarias 19 entidades galegas de América, 17 de España e 4 de Europa
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2023.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de publicar no día de hoxe a adxudicación definitiva dos 40 obradoiros que se organizarán en colaboración das entidades galegas do exterior. 

Esta iniciativa ten por finalidade ofrecer formación en folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega ás galegas e galegos vinculados ás entidades do exterior co obxectivo de preservar a tradición, cultura e gastronomía da nosa comunidade. 

Nesta nova edición, logo de terse superadas as restricións sanitarias en todos os países do mundo, as actividades, que darán comezo este mes de setembro, volverán impartirse de forma presencial, salvo no caso dos seminarios de cultura galega, que serán telemáticos. 

Baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, encaixe de palillos, confección de traxe galego, cociña e cultura galega son algúns dos obradoiros entre os que as entidades puideron elixir un total de tres co seu respectivo formador ou formadora. Deste xeito, e cun investimento de 150.000 euros, resultaron beneficiarias 19 entidades de América, 17 de España e 4 de Europa. 

497 lecturas