Emigración organiza 36 obradoiros de música, cociña e cultura galega para as entidades do exterior
Estas actividades serán organizadas polos propios centros en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, e continuarán este ano sendo telemáticas en América e presenciais en España e Europa.
A Secretaría Xeral da Emigración acaba de publicar a adxudicación dos 36 obradoiros que se realizarán en colaboración coas entidades galegas do exterior para dar formación ás persoas asociadas en folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega nas entidades galegas do exterior.
A información pode consultarse a través desta ligazón.
O departamento autonómico que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, volveu organizar estes obradoiros presenciais para as entidades galegas do exterior en España e Europa, e que en América se desenvolverán novamente, ao igual que o ano pasado, só de xeito telemático.
Esta iniciativa ten como obxectivo a realización de obradoiros de baile, gaita, percusión, pandeireta e canto, artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais), cociña galega e seminarios de cultura galega. As entidades puideron solicitar ata 3 cursos e propor profesorado para que o imparta, sempre que estivera incluído nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.
En total, a Secretaría Xeral destina 150.000 euros para a posta en marcha de estas iniciativas, sendo beneficiarias 15 entidades galegas do exterior en América, 18 en España e 4 en Europa.
Os obradoiros presenciais desenvolveranse nas instalacións dos centros con todas as medidas de seguridade sanitaria. Os obradoiros virtuais realizaranse a través dunha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactuarán conforme as necesidades das persoas participantes co fin de optimizar a aprendizaxe.
Novas relacionadas