Emigración facilita a participación cidadá na tramitación da nova Estratexia Galicia Retorna

A Secretaría Xeral inicia así o camiño da posta en marcha da nova iniciativa, que ten coma obxectivo atraer aos galegos e galegas do exterior na súa volta a Galicia, cun formulario para que as e os interesados presenten as súas propostas. 

Formulario de participación na nova Estratexia Galicia Retorna
Formulario de participación na nova Estratexia Galicia Retorna
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración  pon en marcha a tramitación da nova Estratexia Galicia Retorna facilitando a participación cidadá a través dun formulario onde se recollerán as propostas para conformar un conxunto de iniciativas que axuden no retorno das galegas e os galegos do exterior.  

Deste xeito, a través da súa páxina web (https://emigracion.xunta.gal/participa-nova-estratexia-retorna) púxose en marcha este cuestionario que permitirá que as persoas interesadas poidan presentar as súas propostas para construír o deseño dunha nova estratexia que facilite o retorno a Galicia. Hai que recordar que a anterior contou cun orzamento global de  máis de 235 millóns, dos que máis de 15 abarcan medidas específicas de fomento do retorno.

“Abrimos así a redacción e tramitación da nova Estratexia Galicia Retorna a toda a cidadanía mediante este proceso de participación en liña”, explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “porque entre todas e todos seremos quen de deseñar as fórmulas para apoiar ao retorno dos galegos do exterior durante os vindeiros anos”. Garántese así a participación da sociedade civil, e en especial, das e dos galegos do exterior, e dáse a coñecer o proceso de elaboración da nova estratexia e a documentación sobre a mesma a través da web, permitindo facer achegas por medio dun formulario habilitado ao efecto. 

Dentro desta estratexia, que remataba en 2020 e que foi prorrogada a causa da situación da pandemia, atópase a creación das Oficinas Integrais de Retorno que están a funcionar nas catro provincias galegas. Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos e galegas do exterior de cara a favorecer o retorno, así como de acompañar ás galegas e galegos retornados e ás e aos seus familiares.  

“As cifras indícannos que imos polo bo camiño: o 2020 continuamos tendo crecemento do retorno a pesar da situación de pandemia que obrigou a pechar 9 dos 12 meses do ano, cun saldo migratorio positivo de 14.616 persoas”, salientou o secretario xeral que, neste marco, puxo en valor a importancia dunha estratexia que ten coma obxectivo “favorecer a volta dos nosos galegos do exterior facendo de Galicia un lugar atractivo para vivir e traballar, e dese xeito, rexuvenecer a nosa poboación”.

545 lecturas