A Xunta achegou a nova Estratexia Galicia Retorna 2026 á Arxentina e Uruguai, onde residen case 223.000 galegas e galegos do exterior, máis do 40% do total

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, levou a cabo dúas conferencias en ambos países para explicar as liñas básicas deste documento, integrado por un cento de iniciativas e que busca facilitar o regreso á Comunidade de 30.000 galegas e galegos do exterior.

Tamén participou na inauguración dunha exposición sobre o Camiño de Santiago en Córdoba e entregou os diplomas e compostelas aos galegos e galegas do Uruguai e A Arxentina que participaron o ano pasado nos programas Conecta e Reencontros co Xacobeo.  

  • Imaxe da visita institucional do secretario xeral da Emigración a Arxentina e Uruguai
    Imaxe da visita institucional do secretario xeral da Emigración a Arxentina e Uruguai

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou nos últimos días Arxentina e Uruguai para presentar a nova Estratexia Galicia Retorna 2026, co obxectivo de achegar aos case 223.000 galegos e galegas que residen nestes dous países, e que supoñen máis do 40% do total da poboación galega exterior, esta ferramenta que ten como obxectivo facilitar o seu regreso á Comunidade Autónoma. En total, máis de 600 persoas asistiron ás conferencias ofrecidas en Bos Aires e Montevideo.

Tal e como explicou o secretario xeral, a nova Estratexia Galicia Retorna 2023-26 da Xunta de Galicia duplica tanto en medidas como en orzamento á anterior, pioneira en España e aprobada en 2018. Partindo da idea do retorno non só como un dereito, senón como unha vantaxe competitiva para incorporar á sociedade galega persoas de distintos países coa súa formación e experiencia profesional, a Estratexia Galicia Retorna ten como obxectivo facilitar o regreso de 30.000 galegas e galegos do exterior nos próximos 4 anos, tanto emigrantes como as e os seus descendentes.

Cun cento de medidas e máis de 450 millóns de euros de presuposto, o dobre ca anterior, “persegue facer de Galicia a mellor opción para vivir para as galegas e galegos residentes no estranxeiro”. Para acadar este reto, a Estratexia incide en catro áreas principais: asesoramento e seguimento, eido social, educativo e laboral, dándolle precisamente un importante protagonismo a este último, porque, tal e como explicou Miranda, “o emprego é imprescindible para asentar poboación, de aí que se destinen 175 millóns ao desenvolvemento de 37 medidas que teñen que ver coas competencias profesionais e laborais das persoas beneficiarias”. 

Unha das máis importantes é o programa Retorna Emprego, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que busca casar as vacantes das empresas coas necesidades laborais dos retornados e retornadas. A través desta iniciativa, a Xunta ten previsto que máis de 400 galegas e galegos do exterior con formación regresen a Galicia este ano cun contrato indefinido na man, ademais de dispor de asesoramento e tutela na súa nova andaina. O Goberno galego investirá case 4 millóns nesta iniciativa coa que se dá un novo chanzo para adaptar as necesidades do mercado laboral á man de obra que precisa.

O secretario xeral da Emigración aproveitou a viaxe tamén para inaugurar unha mostra fotográfica sobre o Camiño de Santiago en Córdoba, da man do artista Manuel Valcárcel, e para presidir, tanto en Bos Aires como en Montevideo, a entrega dos diplomas e as compostelas dos galegos e galegas de ambos países que participaron o ano pasado nos programas Reencontros e Conecta co Xacobeo.  

443 lecturas