Clausúrase o programa “Brandán”, co que os inmigrantes aprenderon os seus dereitos como consumidores.

O subdirector xeral de Retorno e da Inmigración foi o encargado de poñer o peche, que tivo lugar en Lugo.

O programa, froito da colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e o Instituto Galego de Consumo, aborda aspectos como o aforro na tarifa eléctrica ou os procedementos para xestionar unha reclamación.

Listen to this page using ReadSpeaker

O subdirector xeral de Xestión de Programas de Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón, é o responsable de poñer en Lugo o broche final ao ciclo de actividades que tiveron lugar nas catro provincias galegas ao abeiro do programa “Brandán”, despois de que tivesen rematado en recentes datas en Ourense, Oleiros, e Pontevedra.

O Programa Brandán, que están a desenvolver a Secretaría Xeral da Emigración e o Instituto Galego de Consumo conxuntamente, é unha ferramenta deseñada para dar a coñecer os dereitos e deberes dos consumidores e o aforro nas tarifas eléctricas entre as persoas inmigrantes dun xeito práctico, claro e sinxelo. Trátase dunha iniciativa dirixida aos estranxeiros con residencia en Galicia, especialmente aos extracomunitarios, aínda que puideron participar tamén as persoas retornadas e os profesionais que traballan no eido das migracións.

Os obxectivos xerais do programa son favorecer o proceso de integración a través do coñecemento dos dereitos e deberes como persoas consumidoras, así como proporcionar información para o posible aforro nas tarifas eléctricas, a tarifa de último recurso TUR, ou o bono social. Para facilitar o exercicio dos dereitos como persoas consumidoras, facilitarase información sobre os organismos de protección existentes, os procedementos de reclamación e denuncia, e as vías de resolución de conflitos de consumo.

A denominación do programa responde á lenda de ‘Brandán O Navegante’, famoso polas súas viaxes na época medieval, quen aprendía os costumes das novas cidades ás que chegaba. Dispor da axeitada información da sociedade de acollida, sobre todo nos primeiros momentos, é básico para poder exercer os propios dereitos de forma efectiva e nunha situación de igualdade.

1966 lecturas