Emigración e Consumo achegan aos e ás inmigrantes formación para solventar os seus conflitos de consumo

Os cursos tratan de abordar aspectos prácticos, como o aforro na tarifa eléctrica, os teléfonos de tarificación adicional, ou os procedementos para formular unha reclamación.

Pediuse aos formadores e formadoras que sirvan de intermediarios coas persoas extracomunitarias coa fin de desenvolver accións que respondan ás necesidades reais desta poboación.

Listen to this page using ReadSpeaker
13 de outubro de 2011.

O Programa Brandán, que están a desenvolver por segundo ano consecutivo a Secretaría Xeral da Emigración e o Instituto Galego de Consumo conxuntamente, é unha ferramenta deseñada para dar a coñecer os dereitos e deberes dos consumidores entre as persoas inmigrantes dun xeito práctico, claro e sinxelo.

A última das accións desenvolvidas ao abeiro este programa realizouse en Santiago, na sede da Escola Galega de Consumo, onde tivo lugar unha xornada de formación de formadores e formadoras en dous aspectos prácticos que supoñen en non poucas ocasións un importante atranco para a poboación en xeral, e en especial para aquela á que vai dirixida esta acción. Estes dous asuntos son a tarificación eléctrica, e os números telefónicos con cobros adicionais.

Nesta ocasión, na medida en que esta acción estaba encamiñada basicamente a mellorar a formación dos formadores e formadoras, e sabendo que esta figura é fundamental para espallar os coñecementos na materia, pediuse ás persoas participantes que trasladen -tanto ao Instituto Galego de Consumo como á Secretaría Xeral da Emigración- as preguntas máis frecuentes en materia de consumo entre os estranxeiros e estranxeiras nados en países de fóra da Unión, para facer fronte á súas necesidades reais e cotiás.

Obxectivos do programa
O programa Brandán vai dirixido ás persoas inmigrantes e, en especial, aos e ás residentes de procedencia extracomunitaria, podendo tamén participar as persoas retornadas e aqueles profesionais que traballan no eido das migracións. Os obxectivos xerais do programa son favorecer o proceso de integración a través do coñecemento dos dereitos e deberes como persoas consumidoras, así como proporcionar información para o posible aforro en situacións concretas. Para facilitarlles o exercicio dos dereitos como consumidores, ofrécese información sobre os organismos de protección existentes, os procedementos de reclamación e denuncia, e as vías de resolución de conflitos de consumo.

A denominación do programa responde a lenda de ‘Brandán O Navegante’, famoso polas súas viaxes na época medieval, quen aprendía os costumes das novas cidades ás que chegaba. Dispor da axeitada información da sociedade de acollida, sobre todo nos primeiros momentos, é básico para poder exercer os propios dereitos de forma efectiva e nunha situación de igualdade.

Para obter máis información sobre as xornadas pode consultarse a páxina da rede www.galiciaaberta.com, da Secretaría Xeral da Emigración, desde onde se poden realizar as inscricións pertinentes por medios telemáticos, a través do Plan de Formación.

1026 lecturas