Duascentas cincuenta e tres persoas participaron no Programa de información e formación sobre violencia de xénero para a poboación inmigrante.

O programa de información e sensibilización sobre violencia de xénero á poboación inmigrante, que contou cun orzamento de 62.000 euros, realizouse en 15 localidades das catro provincias galegas e participaron 216 mulleres e 37 homes inmigrantes procedentes de 31 países diferentes.

O obxectivo foi dar información sobre violencia de xénero nun formato axeitado, accesible, comprensible e de fácil uso; dar a coñecer e abrir as canles de información e atención existentes; elaborar e difundir os materiais informativos específicos, con conceptos básicos sobre violencia de xénero, e crear un espazo de comunicación e intercambio entre as persoas participantes.

Listen to this page using ReadSpeaker

Duascentas cincuenta e tres persoas inmigrantes participaron no programa “Novas Tecnoloxías: dinamización para a igualdade” organizado pola Xunta de Galicia, dende a Secretaría Xeral da Igualdade e a Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Asociación de Centros Homologados, co obxectivo de informar e formar sobre a violencia de xénero á poboación orixinaria doutros países e residente en Galicia.

Este programa, que é resultado do convenio de colaboración asinado o pasado mes de novembro entre a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral da Emigración e a Asociación de Centros Homologados, tiña como obxectivo sensibilizar dunha forma axeitada sobre o problema da violencia de xénero, atendendo ás circunstancias específicas da poboación estranxeira en Galicia.

O programa realizouse en 15 localidades das catro provincias galegas (Vigo, Marín, Pontevedra, Ourense, Lalín, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Ferrol, Ames, Negreira, Santiago, Lugo, Vilalba e Burela) e participaron 253 persoas, 216 mulleres e 37 homes, dun total de 31 países.

As nacionalidades maioritarias foron Marrocos (42 persoas), Colombia (35), Brasil (25), Perú (24) eCabo Verde (17). Por idades, 94 dos participantes e das participantes, a maioría, tiñan entre 28 e 38 anos, 70 tiñan entre 38 e 48 anos, 53 entre 18 e 28 anos, 32 entre 48 e 58 anos, e 4 persoas máis de 58 anos.

A iniciativa deu a coñecer a protección xurídica e social existente nas situacións reais que se producen cando se combinan violencia de xénero e inmigración.Utilizouse para isto unha estratexia divulgativa axeitada para abordar o problema da violencia de xénero, atendendo ás circunstancias específicas da poboación estranxeira.

Realizouse unha xornada presencial de formación para formar sobre a violencia de xénero como un problema social, introducindo con axuda de soporte técnico audiovisual e carácter eminentemente práctico, conceptos básicos que sirven para a identificación de condutas e situacións constitutivas de violencia de xénero. A continuación as persoas participantes puxeron en práctica o uso das novas tecnoloxías, concretamente Internet, como instrumento de acceso a información, prestacións e atención que ofrecen as Administracións Públicas e outras entidades como ONG, asociacións de mulleres, organizacións sindicais e redes nacionais e internacionais.

Ás persoas asistentes proporcionóuselles, tanto en papel como en formato dixital, un manual básico con información integral sobre os dereitos recoñecidos ás mulleres vítimas de violencia de xénero, recursos e prestacións asistenciais existentes e protocolos de actuación en caso de sufrir ou ter coñecemento dunha agresión.

O convenio
O convenio que deu lugar á realización destes cursos xurdiu da preocupación da Secretaría Xeral da Igualdade e da Secretaría Xeral de Emigración pola incidencia da violencia de xénero na poboación inmigrante, xa que as estatísticas mostran que a proporción de mulleres estranxeiras en España vítimas de violencia de xénero, ao igual que a proporción de agresores estranxeiros, supón unha sobrerrepresentación respecto ao peso demográfico de mulleres e varóns estranxeiros en España.

Unha das causas desta situación atópase, por un lado, na situación de desigualdade entre homes e mulleres, máis manifesta nalgúns dos lugares de procedencia dunha parte da poboación estranxeira, o que motiva que o recurso á violencia se revista de lexitimidade e normalidade para os agresores e tamén para as vítimas, e por outro, as especiais circunstancias nas que se atopan en moitas ocasións as mulleres estranxeiras no noso país, lonxe do seu contorno familiar e social, o que orixina unha inseguridade e dificultade superior ao das mulleres españolas á hora de romper coa espiral de violencia.

Por iso, o programa desenvolveuse cun común denominador: o dunha atención adaptada ás circunstancias das mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero. O proxecto estaba dotado dun orzamento de 62.000 euros, 40.000 aportados pola Secretaría Xeral da Igualdade e os 22.000 restantes pola Secretaría Xeral da Emigración.

1959 lecturas