Miranda reafirma o seu compromiso co proceso de anulación do voto rogado para devolver aos galegos e galegas do exterior o seu dereito á participación electoral
O secretario xeral da Emigración, acompañado polo representante do Goberno galego na Arxentina, Alejandro López Dobarro, mantivo un encontro co Consejo de Residentes Españoles (CRE) durante o seu segundo día de viaxe en Bos Aires.
Francisco Javier Sandomingo Núñez, embaixador de España na Arxentina, e o titular do departamento autonómico celebraron unha nova xuntanza no marco da relación de estreita colaboración entre ambas institucións.
Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta na Arxentina co Consejo de Residentes Españoles (CRE) na capital arxentina
Miranda celebrou unha xuntanza co embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo Núñez, para tratar diversos asuntos de interese para a colectividade española, e a galega en particular
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reafirmou o seu compromiso co proceso iniciado nos últimos anos para eliminar o voto rogado. Será, asegurou o titular do departamento autonómico ás e aos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) na Arxentina, “o único xeito de devolver aos españois do exterior o seu dereito a participar nas decisións sobre o futuro da súa terra”.
O responsable galego de Emigración aproveitou o encontro que mantivo, acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, cos e coas representantes das cidadás e os cidadáns españois no país austral para repasar a situación actual de varias cuestións de interese para a colectividade. A xuntanza, que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia ao remate do segundo día da viaxe oficial, serviu, ademais, para que as e os integrantes do CRE arxentino expuxeran a realidade da comunidade española no país andino por mor da situación que atravesa o país.
“A experiencia amósanos desde o mesmo momento da súa implantación, en 2011, que o voto rogado é un proceso ineficiente que impide, ademais, de facto, exercer o dereito a voto de milleiros de españois, dos que máis de medio milleiro son galegos, residentes no exterior. Sen dúbida, este sistema menoscaba de forma grave o dereito de sufraxio de todos os españois residentes no exterior, polo que desde Galicia temos manifestado de forma reiterada o noso compromiso a favor da reforma da LOREG, co obxecto de mellorar a participación electoral dos españois, e polo tanto dos galegos, que residen fóra das nosas fronteiras”, salientou o secretario xeral da Emigración.
Comunicación constante coa Embaixada
Previamente á reunión co CRE, Miranda celebrou unha xuntanza co embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo Núñez, para tratar diversos asuntos de interese para a colectividade española, e a galega en particular. Este novo encontro enmárcase dentro da estreita relación de colaboración que manteñen ambas institucións, que se traducen nun contacto e comunicación continuo e fluído tanto a través do propio titular do departamento do Goberno galego como do delegado da Xunta en Bos Aires.
Esta tarde o secretario xeral da Emigración presidirá o acto de clausura o Obradoiro de Sabores, unha proposta da Consellería de Medio Rural e da Consellería do Mar que pretende achegar a gastronomía e os produtos da terra e o mar de Galicia aos galegos e galegas da outra beira do Atlántico que se inaugurou onte no Club Español da capital arxentina, e que contará coa presenza de varias e varios representantes do Goberno de la Nación arxentina. Ademais, durante os vindeiros días Miranda trasladarase a Mar del Plata e asistirá á celebración do centenario da Asociación Centro Partido de O Carballiño.
Novas relacionadas



