Miranda emprende a súa terceira viaxe do ano á Arxentina e o Uruguai para reforzar os lazos entre as dúas beiras galegas do Atlántico

O secretario xeral da Emigración levará ás capitais de ambos países os sabores de Galicia da man das consellerías de Medio Rural e de Mar.

O responsable do departamento autonómico manterá diversos encontros con representantes da colectividade para abordar temas de actualidade.

Tres dos centros galegos de Bos Aires coinciden na celebración do seu centenario, que contará coa presenza do titular de Emigración.

Imaxe de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración á Arxentina e Uruguai este pasado mes de maio
Imaxe de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración á Arxentina e Uruguai este pasado mes de maio
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, emprende hoxe unha viaxe que o levará directamente á capital arxentina desde a brasileira, onde se achegou á colectividade en compañía do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Esta visita, a terceira que o responsable do departamento galego realiza este ano á Arxentina e O Uruguai, pretende servir para reforzar os lazos, tanto sociais como culturais e institucionais, que o Goberno galego ten coa primeira comunidade galega do mundo, que acubilla máis de 175.000 emigrantes e descendentes galegas e galegos. Así, entre os encontros que o titular de Emigración do Executivo galego manterá con autoridades españolas no país suramericano destacan as xuntanzas co embaixador de España, Francisco Javier Sandomingo Núñez, e o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

Miranda incluirá, ademais, na súa axenda oficial, encontros cos tres centros de Bos Aires que están a celebrar o seu centenario, a Asociación Centro Partido de O Carballiño, a Asociación Mutualista Galega Residentes de Vigo e a Unión Residentes de Dodro en Buenos Aires; así como con outras agrupacións de representantes da colectividade coas que abordará diversas cuestións de actualidade. O programa institucional de Miranda reservará un espazo central desta visita aos países que flanquean o Rio de la Plata á presentación dos Obradoiros de Sabores en ambas capitais, unha proposta da Consellería de Medio Rural e da Consellería do Mar que pretende achegar a gastronomía e os produtos da terra e o mar de Galicia aos galegos e galegas da outra beira do Atlántico. 

O pintor de Mar del Plata
Unha viaxe a Mar del Plata para visitar o Centro Gallego e pulsar a realidade da colectividade desta cidade arxentina, que está a verse afectada pola situación que atravesa o país. Alí, Miranda manterá unha xuntanza co pintor José Solla, con quen avanzará nas propostas para acompañar a exposición das dúas obras que se levará a cabo o vindeiro ano na cidade arxentina.

288 lecturas