Miranda celebra a posible reforma do sistema de voto exterior na súa alocución na gran festa dos galegos e galegas de Uruguai

Tras visitar México co Presidente Feijóo, o secretario xeral prosigue mañá percorrido por Arxentina.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participa hoxe na tradicional Romaría Galega do Uruguai, que tódolos anos convoca a comunidade galega máis antiga do mundo en funcionamento, o Centro Galego de Montevideo, e que reúne a milleiros de persoas, tanto galegas como cidadás e cidadáns da República Oriental.

Durante a súa alocución ás e aos presentes, Miranda gabouse da decisión do Congreso dos Deputados de tomar en consideración a proposta do Parlamento de Galicia para que se estude a posible reforma do sistema de voto das e dos residentes españois no Exterior, no sentido de que se realice coas máximas garantías de transparencia, facilitando no posible o sufraxio en urna, promovendo por tanto a participación electoral activa da diáspora; e suprimindo, en definitiva, a xeneralidade do ‘voto rogado’. Unha proposta que arestora comeza a súa andaina parlamentaria, pero que, dixo  Miranda, “esperemos dea axiña os seus froitos”.

O secretario xeral da Emigración recordou á colectividade galega de Uruguai que “en breve celebraranse as eleccións europeas. Como cidadáns galegos e españois de pleno dereito, podedes votar nelas, e invítovos a que o fagades. Sería moi conveniente que no Parlamento Europeo tamén sexan conscientes de que unha importante parte dos votos proceden de América”. Engadiu asemade o secretario xeral que “sería moi conveniente, para vós e para Galicia, que Europa tome verdadeira conciencia de que existen centos de milleiros de cidadáns europeos de pleno dereito que residen aquí”.

Segue visita a Arxentina
Miranda aterraba en Uruguai tras compartir co Presidente Feijóo a súa axenda en México, onde tiveron oportunidade de coñecer as inquedanzas da colectividade galega naquel país e participar en diversas accións para promover o papel do empresariado galego na nación azteca como dinamizador da internacionalización da economía galega.

Tralo seu paso pola República Oriental, o responsable en materia de Emigración da Xunta viaxa agora á outra beira do Río da Prata, onde mañá ten previsto entrevistarse con autoridades da cidade de Bos Aires, co gallo de estudar fórmulas de colaboración conxunta para a promoción de Galicia como destino turístico e de investimento. Tamén se verá co embaixador español na República Arxentina.

Ademais, e xa na xornada do martes, Miranda verase cos e coas responsables da Fundación Galicia América, que xestiona o Colexio Santiago Apóstolo da capital porteña, e despois asinará os respectivos convenios para funcionamento e mantemento do Fogar Galego de Anciáns de Domselaar, e do centro de día dependente do Centro Galego de Mar del Plata.

1164 lecturas