O secretario xeral da Emigración recorda en Onda Cero que o Goberno galego sempre apoiou a derrogación definitiva do voto rogado
O secretario xeral da Emigración destacou a satisfacción institucional pola aprobación definitiva no Senado, xa que “é de xustiza” e facilita a participación nas eleccións dos galegos e galegas do exterior sen minguar as garantías das e dos inscritos no CERA.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou en Onda Cero Galicia a satisfacción do Goberno galego pola aprobación definitiva da derrogación do voto rogado, trala súa aprobación no Senado, recordando que a institución autonómica sempre apoiou este cambio “por ser unha cuestión de xustiza”.
Miranda recordou que o Goberno galego sempre apostou pola substitución do voto rogado por outro procedemento que favoreza a aportación das papeletas en urna e facilite a participación sen minguar as garantías para as e os inscritos no Censo Electoral de Residente Ausentes, CERA.
“Coa eliminación do voto rogado, apóstase por un sistema áxil, seguro e transparente para facilitar o acceso ao voto a todos os galegos residentes no exterior”, engadiu en Onda Cero o secretario xeral da Emigración, matizando que o “voto por correo manteríase como unha opción válida para aquelas persoas que non poidan achegarse aos lugares establecidos”.
- Audio - Entrevista ao secretario xeral da Emigración | Descargar
Novas relacionadas