Miranda reafirma o seu compromiso co proceso de anulación do voto rogado para devolver aos galegos e galegas do exterior o seu dereito á participación electoral

O secretario xeral da Emigración, acompañado polo representante do Goberno galego na Arxentina, Alejandro López Dobarro, mantivo un encontro co Consejo de Residentes Españoles (CRE) durante o seu segundo día de viaxe en Bos Aires. 

Francisco Javier Sandomingo Núñez, embaixador de España na Arxentina, e o titular do departamento autonómico celebraron unha nova xuntanza no marco da relación de estreita colaboración entre ambas institucións.

  • Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta na Arxentina co Consejo de Residentes Españoles (CRE) na capital arxentina
    Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración e o delegado da Xunta na Arxentina co Consejo de Residentes Españoles (CRE) na capital arxentina
  • Miranda celebrou unha xuntanza co embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo Núñez, para tratar diversos asuntos de interese para a colectividade española, e a galega en particular
    Miranda celebrou unha xuntanza co embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo Núñez, para tratar diversos asuntos de interese para a colectividade española, e a galega en particular
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (A Arxentina), 16 de novembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reafirmou o seu compromiso co proceso iniciado nos últimos anos para eliminar o voto rogado. Será, asegurou o titular do departamento autonómico ás e aos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) na Arxentina, “o único xeito de devolver aos españois do exterior o seu dereito a participar nas decisións sobre o futuro da súa terra”.

O responsable galego de Emigración aproveitou o encontro que mantivo, acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, cos e coas representantes das cidadás e os cidadáns españois no país austral para repasar a situación actual de varias cuestións de interese para a colectividade. A xuntanza, que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia ao remate do segundo día da viaxe oficial, serviu, ademais, para que as e os integrantes do CRE arxentino expuxeran a realidade da comunidade española no país andino por mor da situación que atravesa o país.

“A experiencia amósanos desde o mesmo momento da súa implantación, en 2011, que o voto rogado é un proceso ineficiente que impide, ademais, de facto, exercer o dereito a voto de milleiros de españois, dos que máis de medio milleiro son galegos, residentes no exterior. Sen dúbida, este sistema menoscaba de forma grave o dereito de sufraxio de todos os españois residentes no exterior, polo que desde Galicia temos manifestado de forma reiterada o noso compromiso a favor da reforma da LOREG, co obxecto de mellorar a participación electoral dos españois, e polo tanto dos galegos, que residen fóra das nosas fronteiras”, salientou o secretario xeral da Emigración.

Comunicación constante coa Embaixada
Previamente á reunión co CRE, Miranda celebrou unha xuntanza co embaixador de España na Arxentina, Francisco Javier Sandomingo Núñez, para tratar diversos asuntos de interese para a colectividade española, e a galega en particular. Este novo encontro enmárcase dentro da estreita relación de colaboración que manteñen ambas institucións, que se traducen nun contacto e comunicación continuo e fluído tanto a través do propio titular do departamento do Goberno galego como do delegado da Xunta en Bos Aires.  

Esta tarde o secretario xeral da Emigración presidirá o acto de clausura o Obradoiro de Sabores, unha proposta da Consellería de Medio Rural e da Consellería do Mar que pretende achegar a gastronomía e os produtos da terra e o mar de Galicia aos galegos e galegas da outra beira do Atlántico que se inaugurou onte no Club Español da capital arxentina, e que contará coa presenza de varias e varios representantes do Goberno de la Nación arxentina. Ademais, durante os vindeiros días Miranda trasladarase a Mar del Plata e asistirá á celebración do centenario da Asociación Centro Partido de O Carballiño.

161 lecturas