Miranda comprométese coa presidenta do CRE de Bos Aires a seguir traballando para conseguir a modificación da lei electoral e suprimir o voto rogado das e dos residentes do exterior

O secretario xeral da Emigración mantivo unha reunión esta mañá coa presidenta do Consejo de Residentes Españoles da capital arxentina, Susana Carbia, con quen tamén analizou a situación da nacionalidade das e dos descendentes de españois e as políticas de retorno da Xunta de Galicia.

Anntonio Rodríguez Miranda e Susaba Carbia, durante a reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Anntonio Rodríguez Miranda e Susaba Carbia, durante a reunión celebrada na sede de Emigración na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro esta mañá coa presidenta do Consejo de Residentes Españoles de Bos Aires, Susana Carbia, no que lle trasladou o compromiso do Goberno de Galicia para seguir traballando de cara a conseguir a modificación da lei electoral e suprimir o voto rogado das e dos residentes do exterior.

Durante a reunión, Miranda tamén recolleu a preocupación de Susana Carbia en relación ao acceso á nacionalidade española por parte das e dos descendentes de españois e españolas. Neste senso, o secretario xeral da Emigración trasladoulle que a Administración autonómica segue a traballar para que, dende o Goberno central, se corrixan os agravios comparativos que existen na actualidade para acceder á nacionalidade española.

Finalmente, o responsable de Emigración trasladoulle á presidenta do CRE de Bos Aires as liñas de traballo en prol do retorno dos galegos e galegas do exterior que está desenvolvendo a Xunta de Galicia, como son as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), ou as Axudas ao Retorno Emprendedor, e solicitoulle colaboración para a divulgación das mesmas entre o colectivo galego residente en Bos Aires, dada a importancia que para a Xunta de Galicia ten Arxentina, onde se atopa o colectivo máis numeroso de galegas e galegos do exterior, con máis de 182.600 persoas censadas.

786 lecturas