Manuel Curros Enríquez

Poeta e xornalista en Cuba
Manuel Curros Enríquez

Lonxe dela de pé sobre a popa dun leve e negreiro vapor
emigrado camiño de América
vai o probe e infeliz amador

Curros é, sen dúbida, unha das figuras máis sobranceiras da emigración galega. Se ben é certo que os seus principais contributos literarios xa foran publicados antes de emigrar, Curros desenvolveu na Habana unha intensa actividade xornalística, sempre tendo a Galicia como centro de atención.

Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova o 14 de setembro de 1851. Instalouse en Madrid a fins de 1866, onde se fixo bacharel e comezou a carreira de Dereito, ao tempo que se implicaba na vida política e colaboraba na prensa. Durante a última guerra carlista foi correspondente do xornal madrileño El Imparcial. Por outra parte, as súas experiencias neste conflito bélico quedarían reflectidas no libro Cartas del Norte. En 1880 publicou Aires d`a miña terra, libro de poemas que acadaría decontado un enorme éxito. Este poemario tamén lle traería problemas ao autor, ao ser denunciado polo bispo de Ourense. En 1888 deu ao prelo O divino sainete, obra onde novamente a Igrexa volveu ser branco das súas críticas. As persecucións políticas deberon xogar un importante papel na decisión de Curros de seguir o camiño da emigración.

En febreiro de 1894 embarca na Coruña no vapor Reina María Cristina con destino a Cuba. Ao chegar á Habana, o 5 de marzo, foi homenaxeado pola sociedade Aires d´a miña terra, entidade mutualista da que Curros xa era presidente de honra. Comezou a colaborar co diario El País, órgano do partido autonomista cubano. A partir de abril de 1894 Curros dirixe o semanario bilingüe La Tierra Gallega. Case ao mesmo tempo tamén fundaría outro xornal: Diario de la Familia.

Para a fundación de La Tierra Gallega constitúese unha sociedade, creada o 24 de marzo de 1894, baixo a dirección de Curros Enríquez. Esta sociedade quedaría disolta a finais de xullo de 1894, cando todos os partícipes cederon a Curros os seus vales. Á súa vez o poeta fixo cesión destes vales á Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. Esta publicación contaría coa colaboración de importantes plumas: Aureliano J. Pereira, Aurelio Ribalta, Federico Maciñeira, etc. A lingua galega está representada pola poesía de Francisco Añón, Rosalía de Castro, Alberto Camino, Ramón Armada Teixeiro, entre outros. Na sección "Las cuatro hermanas", aparecían noticias sobre a actualidade galega. A información tamén se estende á actividade das sociedades galegas en Cuba, en particular a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia e o Centro Gallego.

Cando en febreiro de 1895 estoupa a Guerra de Independencia, Curros, a través das páxinas de La Tierra Gallega amósase oposto á loita dos independentistas cubanos. Curros era un decidido valedor da autonomía de Cuba. Asemade criticaba a voracide dos norteamericanos e os erros da Metrópole. Na edición do 18 de outubro de 1896 Curros nun artigo titulado Responsabilidad ministerial criticou a botadura do cruceiro Princesa de Asturias nun estaleiro desaxeitado. A crítica non caeu ben na Capitanía Xeneral, que multou ao semanario. A multa foi protestada desde as páxinas de La Tierra Gallega, o que só serviu para que se lle impuxese outra de maior contía económica. Este feito motivou que La Tierra Gallega deixase de publicarse. O semanario dirixido por Curros mantivo tamén intensas polémicas con El Eco de Galicia á súa vez dirixido por Waldo Álvarez Insua. Sen dúbida, neste enfrontamento influían as diferenzas ideolóxicas e políticas que mantiveron ambos personaxes. Do mesmo xeito, Curros tivo tamén unhas difíciles relacións con Antonio P. de Cea, director do semanario Follas Novas.

En 1904 Curros volveu temporalmente a Galicia. Á súa chegada á Coruña foi obxecto dunha importante homenaxe. Logo de regresar a Cuba, en 1905 Curros foi elixido como presidente da comisión xestora da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. Xa en 1894 as páxinas de La Tierra Gallega recollían un primeiro intento de formación da Academia Galega.

O poeta tivo unha difíciles relacións coas autoridades do Centro Gallego da Habana, que se reflectiron no poema "A Espiña" (11/01/1903). O seu apoio decidido ás obras da casa de saúde La Benéfica e ás axudas que o Centro concedía a Manuel Murguía para a publicación da Historia de Galicia foron algúns dos motivos desas complicadas relacións. No primeiro caso, Curros criticou as posturas dos médicos Serafín Sabucedo e Juan Manuel Espada que dirixían clínicas privadas e se opoñían aos traballos de ampliación de La Benéfica, ambos médicos recibiron o apoio de Waldo Álvarez Insua desde as páxinas de El Eco de Galicia. Por outra parte, en 1895 Álvarez Insua impulsou desde as páxinas do seu semanario a candidatura de Juan José Domínguez para a presidencia do Centro Gallego, o que motivou as críticas de Curros desde as columnas de La Tierra Gallega. Críticas que se reproduciron cando Sabucedo e Espada pretenderon gañar prazas de médico (aínda que gratuítas) na casa de saúde La Benéfica. No segundo caso, Curros criticou a decisión do Centro Gallego de suspender en 1895 a axuda económica que viña emprestando a Manuel Murguía. Cando en 1905 o Centro somete a discusión a continuación desta axuda, Curros volve participar intensamente nos debates reclamando a subvención.

Curros traballou durante moitos anos no xornal Diario de la Marina, onde foi desde corrector de probas ata membro da súa redacción. As desavinzas co Centro Gallego levaron a que Curros, durante a súa enfermidade, ingresara na casa de saúde Covandonga, pertencente ao Centro Asturiano. Sería precisamente nesta residencia onde o 7 de marzo de 1908 finaría o poeta. A capela ardente foi instalada na sede do xornal Diario de la Marina. O día 20 de marzo os seus restos partían con dirección á Coruña.

Bibliografía: 

VV.AA.: La Tierra Gallega, nº 28, 29/07/1894, p. 1

NEIRA VILAS, XOSé: A prensa galega de Cuba, Sada: Ediciós do Castro, 1985, p. 83

NEIRA VILAS, XOSé: Memoria da emigración III, Sada: Ediciós do Castro, 1996, p. 225

Documentación asociada
Documentación asociada
Un artigo de Curros Enriquez44.7 KB
O poema "A espiña"48.39 KB

Fotografías

  • Busto de Curros Enríquez
  • Retrato de Curros Enríquez
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Fotografía
  • Edificio Balaguer

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
11596 lecturas