Waldo Álvarez Insua

A voz de Galicia na Habana
Waldo Álvarez Insua

Avogado, escritor e xornalista. Waldo Álvarez Insua foi un dos máis sobranceiros xornalistas da emigración galega en América. O seu nome está asociado a unha das principais publicacións da emigración: El Eco de Galicia. Iniciador de importantes sociedades galegas na Habana, Álvarez Insua foi un dos principais valedores do rexionalismo galego en Cuba, sen por iso deixar de crer na españolidade da Illa. De feito, a perda da colonia após a guerra cos Estados Unidos significou a fin da presenza de Álvarez Insua en Cuba e o seu retorno a España.

Waldo Álvarez Insua naceu na Estrada o 10 de xuño de 1856. O vencello de Álvarez Insua coa prensa foi moi temperán, con tan só catorce anos colaborou co xornal Heraldo Gallego, que dirixía en Ourense Valentín Lamas Carvajal. Por outra parte, en 1873 publicou algúns poemas na Revista Galaica, medio que dirixía Benito Vicetto en Ferrol. Ora ben, os seus artigos máis comprometidos viron a luz no periódico compostelán Gaceta de Galicia, traballos nos que o estradense denunciaba o sistema político da Restauración. En grande medida, as dificultades que lle ocasionaron estes artigos motivaron a decisión de Álvarez Insua de seguir o camiño da emigración, decisión que tamén viña motivada polo desexo de librar do servizo militar.

O noso protagonista chegou a Cuba en 1877. Matricúlase na Universidade da Habana, obtendo a licenciatura en Dereito. Traballou durante dez anos como escribán no Xulgado de primeira instancia do Distrito de Belén (A Habana), abrindo posteriormente o seu propio bufete. Xunto ao exercicio da avogacía Álvarez Insua tamén desenvolveu algunha actividade comercial. Así, a título de exemplo, foi representante na Habana do aceite andaluz “Lohaces”. Tamén foi secretario da Compañía Concesionaria de Abastos de Carnes da Habana, firma costituída en 1897.

Do mesmo xeito que ocorrera en Galicia, os inicios xornalísticos de Álvarez Insua en Cuba foron moi temperáns. En efecto, con vinte anos fundou o semanario El Eco de Galicia, xornal que rematería por se converter nun dos medios máis sobranceiros da emigración galega en América. El Eco de Galicia saíu á rúa o 8 de marzo de 1878. Tres anos despois da súa aparición o semanario deixa de publicarse por problemas administrativos. O xornal reaparece en 1882, saíndo regularmente até o 5 de outubro de 1901 (aínda que tamén se publicaron algúns números en 1902). Desde as páxinas deste periódico, Álvarez Insua sería un dos principais representantes do Rexionalismo galego na emigración americana. A título de anécdota, e para subliñar o seu protagonismo nos ambientes rexionalistas, diremos que Manuel Murguía apadriñou en xullo de 1889 ao seu fillo Manuel Sergio. Nesta mesma liña, non debemos esquecer que Álvarez Insua prologara o folleto El Regionalismo, de Murguía. Ademais do semanario comentado, a Álvarez Insua atribúeselle a fundación do xornal La Aurora del Yumurí en Matanzas.

Desde as páxinas de El Eco de Galicia Álvarez Insua propuxo, o 12 de outubro de 1879, a fundación dun “Ateneo Gallego”. A publicación deste artigo considérase a primeira pedra do que, nese mesmo ano, sería o Centro Gallego da Habana. Efectivamente, o 23 de novembro de 1879, no Teatro Tacón, o lugar que anos máis tarde ocuparía o pazo social do Centro Gallego, tivo lugar unha xuntanza co obxectivo de crear unha institución que agrupara aos galegos residentes na Habana. Así foi como naceu o Centro Gallego da capital cubana, institución da que Álvarez Insua chegou a ser vicepresidente e primeiro socio de mérito. En marzo de 1888 foi elixido como director da Sección de Sanidade do Centro Gallego. Desde as páxinas de El Eco de Galicia Álvarez Insua emprendeu varias campañas na defensa da colonia galega. Unha das máis coñecidas desenvolveuse en 1879, criticando a intención dos facendeiros cubanos de substituír a man de obra escrava por inmigrantes galegos. Ademais dos artigos de opinión, Álvarez Insua deu unha seríe de mitins en varias localidades cubanas opóndose ás intencións dos facendeiros. Ora ben, desde o semanario do que era propietario Álvarez Insua tamén participou activamente nas polémicas internas da colectividade galega da Habana. Sen dúbida, as principais discusións mantívoas con Manuel Curros Enríquez, director doutro importante semanario: La Tierra Gallega. En 1894 Curros Enríquez apoiou a medida do Centro Gallego de realizar obras de ampliación no sanatorio La Benéfica, disposición que non foi ben vista por algúns médicos galegos como Serafín Sabucedo ou Juan Manuel Espada (moi amigo de Álvarez Insua e director de El Eco de Galicia durante as ausencias do estradense). Estes médicos, que dirixían outros sanatorios, foron respaldados por Álvarez Insua, que critiou a Curros desde as columnas de El Eco de Galicia.

O protagonismo de Álvarez Insua no movemento societario galego en Cuba non se limitaría só ao Centro Gallego. Así, ocupou relevantes cargos dentro da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, a ínstitución máis antiga da emigración galega (fundada en 1871); desta entidade foi consiliario (1886) e secretario (1891). A Álvarez Insua tamén se lle atribúe un destacado papel na fundación da Sociedade Gallega de Beneficencia de Remedios.

Ademais de avogado e xornalista Álvarez Insua foi un relevante escritor. En abril de 1888 empredeu unha viaxe por Galicia froito da cal foi a publicación, en 1889, do libro Galicia contemporánea: (páginas de viaje), a obra saíu do prelo La Propaganda Literaria, propiedade do galego Alejandro Chao. En El Eco de Galicia publicou unha serie de artigos biográficos de Eugenio Montero Ríos, textos que máis tarde aparecerían recollidos nun libro. En 1897 publicouse en Madrid, no prelo do Asilo de Huerfanos, o libro El problema cubano, obra na que Álvarez Insua reflexionaba sobre un tema de candente actualidade: a guerra de independencia de Cuba. Este libro estaba editado pola revista xurídica La Administración, dirixida por Francisco de Azcárate e Francisco Silvela.

Álvarez Insua viaxou con relativa frecuencia a Galicía. En maio de 1892 embarcou con destino á Coruña, onde o 24 de xuño presidiu os Xogos Florais celebrados nesta cidade. En novembro de 1892 regresaba á Habana no vapor Lafayette. En 1896 realizaría unha nova visita a Galicia, sen por iso deixar de enviar as súas crónicas para El Eco de Galicia. Agora ben, o regreso definitivo de Álvarez Insua non se produciría até 1898. En efecto, en setembro de 1898 deixaba por enfermidade a dirección de El Eco de Galicia, embarcando pouco despois co obxectivo de tomar as augas en Mondariz. Xa non volvería a Cuba. Asentado na Coruña, desde a cidade herculina seguiu enviando artigos ao semanario do que fora director. O 4 de febreiro de 1899 foi elixido como presidente da Liga Gallega da Coruña; esta entidade era a principal representante dos ideais rexionalistas en Galiza, a ela pertencían galeguistas tan destacados como Manuel Murguía ou Manuel Lugrís Freire. No organo oficial da Liga Gallega, a Revista Gallega, colaborou frecuentemente.

En novembro de 1899 trasládase a Madrid. Na capital de España Álvarez Insua dedicouse ao exercicio da avogacia ao tempo que participou en varias tentativas societarias galegas. Así, interviu na constitución do Centro Gallego de Madrid, entidade da que foi elixido secretario en 1900. Nesta nova etapa da súa vida Álvarez Insua non esqueceu o seu rol de xornalista, xa que logo colaborou frecuentemente coa prensa madrileña e seguiu a remitir artigos para publicar en xornais de Cuba. En xullo de 1900 foi nomeado como vogal da “Comisión Informadora de Economía Pública” para o Congreso Social e Económico Hispano Américano. Tampouco esqueceu a súa actividade como escritor. En 1901 daba ao prelo a súa novela Finis. Últimos días de España en Cuba. Outras novelas do noso autor foron: Deseada (1908) e El Milagro (1912). Waldo Álvarez Insua faleceu en Madrid o 10 de agosto de 1938.

Bibliografía: 

ARCA CAMPOS, OLIMPIO Waldo Álvarez Insua, estrandense, emigrante, escritor , A Estrada: Asociación Fillos e Amigos da Estrada.

SÁNCHEZ ÁLVAREZ-INSUA, ALBERTO Aproximación a un galleguista insigne: ideología y texto en la obra literaria de Waldo Álvarez Insua , en Museo de Pontevedra, n.º 52, pp. 481-498.

Documentación asociada
Documentación asociada
Partida de nacemento de Waldo Alvarez1.39 MB
Textos xornalisticos de Waldo Alvarez0 bytes

Fotografías

  • Retrato de Waldo Alvarez Insua

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2229 lecturas