Ramón Armada Teixeiro

Un dos grandes representantes do xornalismo galego na Cuba do XIX
Ramón Armada Teixeiro

Emigración e poesía xúntanse en Ramón Armada, de tal xeito que podemos consideralo como un dos principais poetas da emigración galega. A súa obra non só evocou a Galicia lonxana e soñada, senón que tamén denunciou as penurias que sufrían os emigrantes. Deste xeito, a súa obra é un testemuño inmellorable da nosa emigración a América. Tal e como aínda se pode ler no seu mausoleo, no cemiterio Colón da Habana, Ramón Armada foi “o cantor da Terriña”.

Ramón Armada Teixeiro naceu en Ortigueira o 14 de setembro de 1858. Con dezasete anos emigra á Arxentina, volvendo pouco despois a Galiza. Inicia unha nova aventura migratoria desprazándose a Cuba, onde en 1895 remata os estudos de Perito Mercantil. Antes, en 1885, fundaría xunto con Manuel Lugrís Freire o periódico A Gaita Gallega, primeiro medio publicado integramente en galego na emigración americana. Esta publicación, que perduaría até 1889, caracterizouse por un firme patriotismo que se asentaba sobre todo na defensa da lingua galega. Armada publicaría os seus artigos baixo o alcume de "Chumín de Céltegos". No entanto, as desavinzas entre os dous promotores do periódico remataron coa marcha de Lugrís, que recibiu duras críticas por parte de Armada desde as páxinas de A Gaita Gallega.

En 1885 Armada Teixeiro publicou o poemario Caldo de grelos, con prólogo de Vicente Fráiz Andón. En 1898 ve a luz outro libro de versos: Aturuxos, con prólogo de Manuel Curros Enríquez. Nos seus poemas, Armada Teixeiro evoca a Galicia, denunciando o caciquismo e o malvivir dos labregos. Non faltan tampouco as louvanzas a Cuba, a súa patria adoptiva. Un terceiro poemario deste autor foi Milicroques, obra que recollía poemas escritos entre 1901 e 1906. En 1918 reúne toda a súa poesía no volume Da terriña.

Armada Teixeiro foi tamén un fecundo autor teatral. De entre as súa pezas destaca a zarzuela ¡Non máis emigración!, que con música de Felisindo Rego foi estreada o 10 de abril de 1886 no Teatro Tacón. Nesta peza o autor expón o seu total desacordo coa emigración, Armada Teixeiro presenta a vida cotiá dos galegos en Cuba e noutros lugares de América. Ao xénero teatral pertence tamén o seu monólogo Mexamorno en Viveiro (1912), onde o autor volve rexeitar a emigración e defende a necesidade de retornar a Galiza.

En prosa cómpre destacar a súa obra Galicia, su agricultura, industria y comercio, que constituíu o discurso inaugural de 1895-1896 no Centro Gallego da Habana. Armada ocupou relevantes cargos dentro da colectividade galega da Habana. Formou parte da secretaría escrutadora das eleccións ao Centro Gallego do 29 de agosto de 1886. Secretario xeral do Centro nos anos 1888-1892. Foi nomeado socio de mérito da institución o 26 de febreiro de 1888. Na xestión pública do goberno autonómico cubano foi xefe de negociado de cárceres e presidios (1898). En 1898 foi elixido como vicepresidente do Centro Gallego. Con anterioridade, en 1890, xa ocupara o posto de Inspector de Escolas do 6º Distrito. Ocupou o cargo de secretario do Casino Español da Habana en 1911. Foi tamén académico de número da Real Academia Galega.

Casou na Habana con Francisca Sagrera Mayol. O 22 de abril de 1888 falecería o seu único fillo Ramón Waldo Armada, aínda neno. En xullo de 1890 nacía o seu fillo Ramón Segundo . En xuño de 1891 adquiriu, en sociedade con Rosendo Espina, o café El Anón, con anterioridade propiedade de Felipe Paruas. Non obstante, pouco durou a sociedade con Rosendo Espina, xa que en xullo de 1891 Armada Teixeiro ficaba como único propietario deste negocio.

En 1900 regresou a Ortigueira, onde traballou como secretario do Concello. Na súa vila natal funda tamén o xornal El Eco de Ortigueira. En 1909 regresa definitivamente a Cuba. Nesta segunda etapa cubana integrouse como redactor no Diario de la Marina. A súa xestión no Centro Gallego recibiu acedas críticas por parte do semanario La Tierra Gallega, dirixido en 1915 por Roberto Blanco Torres, desde as páxinas deste periódico foi alcumado como "mexamorno".

Ramón Armada Teixeiro faleceu na Habana o 1 de xullo de 1920. Foi soterrado no cemiterio de Colón, erguéndose posteriormente un monumento funerario á súa memoria. En 1922 creouse a Institución "Armada Teixeiro", entidade de carácter benéfico creada pola fábrica de chocolates "La Gloria", negocio baixo a razón social "Solo y Armada". Esta sociedade asistencial fixo doazón dun almorzo a perpetuidade ás nenas que se educaban no Colexio de San Vicente de Paúl. Por outra parte, en 1943 a sociedade Naturales de Ortigueira daba o nome de Ramon Armada Teixeiro á súa biblioteca social.

Bibliografía: 

VV.AA.: ECO DE GALICIA, 07/01/1923.

NEIRA VILAS, XOSÉ: Memoria da emigración I, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 1994, pp. 239-246.

VIDAL FELIPE, YOLANDA : “Ramón Armada Teixeiro e A Gaita Gallega”, vid. estudo introdutorio a A Gaita Gallega (ed. facsimilar).

Fotografías

  • Fotografía

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
1781 lecturas