Clásicos da Emigración
O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración presentan ao público as obras da colección "Clásicos da Emigración". Con estas obras o CCG e a SXE, presenta unha escolma de libros que desfrutan da consideración de ser obras clásicas para o coñecemento e análise da Emigración Galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas e que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías. A publicación facsimilar acompáñase dun estudo crítico.
Presentamos a continuación, as primeiras obras da coleccción:
-
Antón Paz Míguez
A novela "Da emigración. Notas d'un galego" foi publicada no ano 1936, pouco antes do golpe militar, e viu a luz baixo o prestixioso selo editorial de Nós pois foi dada ao prelo en Compostela no establecemento impresor de Ánxel Casal pouco antes do seu asasinato.
-
Fortunato Cruces Angueira
'Cousas gallegas' é unha recompilación de poemas, discursos e escritos varios do xornalista e avogado Fortunato Cruces, publicada en Bos Aires no 1923. Constitúe unha boa mostra das iniciativas, visión do mundo e sentimentos identitarios dun dos principais facedores de opinión da nutrida colectividade galega da Arxentina durante o primeiro terzo do século XX.
-
Eduardo Vincenti y Reguera
O 'Estudio sobre emigración' de Eduardo Vincenti foi certamente innovador no contexto intelectual e político no que se produciu, tanto polos obxectivos que perseguía como polas súas características. Elaborou unha pormenorizada guía para orientar ás persoas emigrantes nunha conxuntura de éxodo masivo a América.
-
Ramón Castro López
O libro de Ramón Castro López 'La emigración en Galicia', publicado por primeira vez na cidade da Coruña no ano 1923 nas prensas do xornal herculino El Noroeste, é un texto que desde a primeira páxina se declara a contracorrente da visión hexemónica, aquela que o autor «leía en muchas publicaciones», pero que consideraba que coñecía mal o problema migratorio.